1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Dende o 2020 o colexio de Xaviña deixou de acoller rapaces e rapazas nas súas aulas de forma definitiva e dende entón o edificio careceu de uso, polo menos até o de agora, xa que hoxe, 14 de Abril, a Xunta de Goberno Local acordou ofertar este antigo colexio de Xaviña como un posible Centro de Día para maiores.

Estes centros son lugares onde os anciáns poden pasar as mañás e tardes en compañía e cubrir uns servizos para con eles. Dende a consellería de Política Social da Xunta de Galicia estanse a fomentar en estes últimos anos este tipo de locais sobre todo dentro do rural onde os maiores poden ter maior dificultade a hora de acceder a certos servizos.

A consecución desta idea, xa presente nos últimos meses dentro do goberno local, foi posible grazas a aprobación das bases para a concesión de axudas para a posta en marcha de Casas do Maior por parte da Consellería de Política Social no pasado mes de Marzo. Así, a través deste acordo, póñese agora o colexio de Xaviña a disposición dos promotores de Centros de Día interesados para presentar as correspondentes solicitudes de participación para esta convocatoria de subvención autonómica.

Os promotores deben cumprir certas condicións co proxecto entre as que están a realización das obras necesarias nas instalacións ou a dotación do inmoble preciso para adecuarse ao establecido na convocatoria. Ademais, a duración máxima da ocupación será de 5 anos.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “queremos colaborar no fomento da autonomía das persoas maiores e este é un servizo necesario e demandado que se fará a coste cero a través desta vía” e explicou que “tomamos a iniciativa de dar utilidade social a un ben municipal”.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.