1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

Nos últimos anos dende o Concello de Camariñas lanzouse o “Camariñas Composta”. Este proxecto de compostaxe busca que os seus participantes reutilicen os refugallos orgánicos dos seus fogares para compostar e poder usar o resultado nos seus propios cultivos.

Financiado polos fondos FEDER da Unión Europea e pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, este proxecto non ten ningún custo para os seus usuarios que nesta última quenda aumentaron en máis de 100 fogares espallados por todo o municipio. Ademais, desta volta os colexios tamén podían involucrase no proxecto ensinando aos seus alumnos as técnicas de compostaxe. Polo de agora o C.E.I.P. Ponto do Porto foi o primeiro en sumarse a iniciativa, aínda que podería participar algún máis posto que o prazo de inscrición segue aberto.

Os responsables das técnicas de Amigos da Terra comezarán a rolda de seguimento visitando os participantes a finais deste mes de Maio. Con elas pretenden axudar aos participantes resolvendo dúbidas e facendo recomendacións para mellorar o proceso e sacarlle o maior partido. Alén disto, existe xa un grupo de persoas de edicións pasadas que están a compartir a súa experiencia cos novos usuarios. En palabras de Sergio Caamaño, concelleiro de Medio Ambiente, o que se busca é “crear a Rede local de compostaxe, un espazo, por agora virtual, no que veciñas e veciños comparten as súas experiencias, axudan a resolver dúbidas e achegan trucos ou consellos valiosos para os que comezan. Esta rede está aberta a todas as persoas composteiras de Camariñas”.

Deste xeito, aínda que o proxecto se atope no seu ecuador, a posibilidade de participación continúa aberta para todos aqueles que queiran. So é necesario ser veciño do municipio e contar cun pequeno espazo onde situar o composteiro. Aqueles que queiran poden inscribirse a través do número de teléfono 981 73 70 04 ou ben mediante o correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Para máis información:

Area de Desenvolvemento Local do Concello de Camariñas

Tlf:981737004

María Durán,Técnica do proxecto. Amigos da Terra

Tlf: 671865839

 

CompostaxeCamariñas_2_1.jpg

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.