4.8048780487805 1 1 1 1 1 Rating 4.80 (328 Votes)
Camarinas.eu móstrase orgullosa de poder volver as orixes (o mar, sempre o mar) e mostrar na edición do Top Camariñas desta semana como unha nova xeración de mariñeiros camariñáns toma o poder : xoves cun alto grado de formación académica, cunha elevada preparación en idiomas e ampla experiencia en singladuras marítimas internacionais, como paso previo a tomar os mandos de calquera das naves atracadas no máis activo dos portos da Costa da Morte. Sen dúbidas, un novo tipo de mariñeiro camariñán está a xurdir, só esperan unha oportunidade para continuar a gloriosa tradición de patróns e armadores que Camariñas legou ao mundo, e unirse a esa longa nómina de nomes lexendarios: Perrúa, Lin, Siro,etc..., por só nombrar uns poucos.

Se ben ata o de agora para ingresar no máis exclusivo club de Camariñas esixíase ter unha licenciatura ou haber servido á patria no campo de batalla (ou no despacho dun organismo público, xa non se sabe que é peor), hai ocasións nas que non é necesario esperar a que se produzan os feitos consumados, dada a seguridade de que estes, finalmente, acabarán producíndose. Este é o caso de Evaristo Antelo López, Ito como é coñecido na Camariñas destes tempos, un xove Diplomado en Mariña Civil de 27 anos, que dentro de dous será xa licenciado e polo tanto Capitán da Marina Mercante Española, como lle gusta decir a él cun mal disimulado orgullo.

Ito naceu en Camariñas en 1980 e tras de estudiar a EXB no Colexio Público O Areal e BUP e COU no Seminario Menor de Santiago, onde seguramente os curas lle ensinaron as ventaxas da disciplina, recalou finalmente na Facultade de Náutica da Coruña para cumprir o soño da súa vida, o de convertirse en Capitán de Marina, soño que está a piques de cumprir, xa que só lle falta acabar o quinto curso. Para elo, xa estivo embarcado dende setembro do 2006 ata agosto do 2007, primeiro no Remolcador de salvamento "Alonso de Chaves" e despois no "Carcarrier", facendo a líña regular de Bremerhaven (Alemania) a Oslo, capital de Noruega, polas augas glaciais do Mar do Norte. Seguramente xa tería cumprido o seu soño se non fora porque Ito aproveita os veráns para botar unha man no barco familiar, o "Gaviota", renunciando por elo a presentarse os exames de setembro. Apaixoado de todo o que teña que ver co mar, falar con Ito supón retomar a tradición dos vellos mariñeiros camariñáns, tendo o mar como eixo básico dunha vida:

Un lugar para vivir: Camariñas, por suposto, e si poidera ser unha casiña que dera ao muelle, vendo tódolos días o noso porto, eso xa sería a chave.
Un lugar para escapar: Si non fora polo nivel de vida tan elevado que alí teñen (imaxínate, unha cervexa Guiness costaba en calquer bar oito euros), quedei impactado co Norte de Europa, os fiordos noruegos, un pequeno puebliño ca súa casiña ao lado do mar, co seu muelliño cas lanchas atracadas na porta da casa. É unha vida volcada no mar, para eles ter unha embarcación e como para nós ter unha bicicleta.
Unha paisaxe: Para min, o máximo e ver abrir o día no mar envasando un bo lance de sardiña, co resto da flota ó noso redor, traballando no medio dos mariñeiros. Cando hai un bo lance, respírase un ambiente de euforia, de alegría, de traballo ben feito: respírase un ambiente de orgullo mariñeiro.
Un prato: Bueno, aquí tampouco vamos a andar con chorradas, un bo chuletón de ternera cunha fuente de patacas dos que me ten preparados miña nai cando volvo do mar.
Unha bebida: Normalmente, Coca-Cola. De movida, Kas Limón con Bacardi. O ron é a bebida tradicional dos piratas, solo me falta o parche..
Un rasgo físico das mulleres: Uns ollos bonitos, non teño color en especial, poden hipnotizar a calquera, e o peor é que elas sáben esto.
Algo que lle pida a unha muller: Antes miraba que fora un cañón, que fora guapa. Agora as experiencias da vida ensináronme a valorar outras cousas: a fidelidade, que saiba comprenderche, apoiarche cando o necesitas, é decir, ter peso de muller. Eu conformaríame con que fora como as mulleres mariñeiras da Camariñas de antes, mulleres que educaban os fillos, sacaban adiante unha casa, ían vender o peixe, mulleres de carácter que sabían mandar na casa.
Unha película: "Oficial y caballero" de Taylor Hackford. Se te fixas co traxe de oficial de mariña posto, son practicamente calcado a Richard Gere cando era novo.
Un actor: Xa cho dixen antes, eu non ando con chorradas: Steven Seagal. Ahí queda eso (Risas).
Unha actriz: Jennifer López. Como cantante, non me gusta moito, pero como actriz xa é outra cousa.
Un grupo de música: De sempre os alemáns Modern Talking, música dos 80 en estado puro. Cando estiven en Alemania busquei polas tendas algo deles, pero xa non quedaban nin as raspas.
Unha canción: Antes de marchar para o ano de embarque, os amigos fixéronme unha cea, e alí o Mexicano cantoume "Casiñas Brancas". Púxoseme a pel de galiña, de verdade, tocoume a fibra. E sempre recordaba esta canción na inmensidade blanca, nevada, de Noruega.
Un libro: "Homes de ferro en barcos de madeira", onde Esperanza Piñeiro e Andrés Gómez fan unha recopilación das historias de doce vellos mariñeiros galegos no Gran Sol.
Un escritor: De algún lado tiña que virme a querencia polo ron: o meu escritor preferido é o gran mestre das novelas de aventuras de piratas, o italiano Emilio Salgari.
Algo polo que poderías perder a cabeza: A inxustiza, por iso me afecta tanto o que está pasando agora en Camariñas ca Familia Lin. Quítanlle as gañas a un de facerse mariñeiro. Xente honrada, traballadora, mariñeira, boas persoas, que levan xa máis de cincuenta días na cadea. Sin eles, nótase que falta algo no pueblo, vese tocada a xente mariñeira en xeral.
Un soño para o futuro: Ser o máis feliz posible no meu pueblo e coa miña xente. O meu soño e ver saír adiante Camariñas, disfrutando de todas as riquezas que nos ofrece este lugar de ensono, e poder velo dende un barquiño de baixura, do que sexa eu patrón, cunha muller e uns fillos, unha familia que me queira, esperándome en terra.

A fin de contas, os integrantes desta redacción entenden que a día de hoxe é un auténtico luxo mostrarlle ós nosos lectores un feito que, tristemente, converteuse nunha excepción: un xoven camariñán que non só non escapa do mar, senón que lle fai frente, prepárase duro durante longos anos, acadando alto un nivel académico e cultural, para retomar a tradición que fixo de Camariñas o que é, un porto pesqueiro; asumir a dura responsabilidade de non fallarlle a longa lista de míticos nomes de patróns camariñáns. Ito, que nesa singladura que estás a piques de comezar, Deus e a Nosa Querida Virxe do Carmen, Patroa dos mariñeiros, che acompañen.

Engadir un comentario