4.6872037914692 1 1 1 1 1 Rating 4.69 (211 Votes)
Se ben ca invitada da semana pasada, Patricia Jove, inaugurábase a lista de doctores camariñáns licenciados, a parroquia da que provén o Top Camariñas desta semana, Ponte do Porto, conta xa cunha longa nómina de médicos de primer nivel: Gumersindo Rodríguez, Celestino Blanco e Eliseo Moreira Canosa, o cal chegou a estudiar mediciña co mesmísimo Castelao e foi o terceiro Presidente do Casino da Ponte do Porto, casino xa fundado alá polo ano 1914. A contribuir a perpetuar esta tradición ven o invitado desta edición, Fernando Toba Alonso, membro dunha histórica familia de fotógrafos da vila porteña que arranca co enlace entre Manolo do Churrero e Marité do Castellano, os cales durante largos anos fixeron as fotos que circulaban na Ponte do Porto cando a feira desta vila era o principal centro comercial da Costa da Morte; tradición que continuou a súa nai Isabel Alonso, casada cun bravo e honrado percebeiro muxián, Rogelio Toba e o seu tío Manolo, Pichurri, tamén fotógrafo na Vila de Camariñas.

Con estes antecedentes Fernando non podía fallar, e isto foi o que ocorreu: Despois de estudiar a EXB no seu querido Colexio da Ponte do Porto marchou a estudiar o Bacharelato ao Fogar de Santa Margarita na Coruña. De alí marchou cara a Pamplona onde no ano 2000 licenciouse en Mediciña pola prestixiosa Universidade de Navarra. No ano 2002 pasou a dura proba do MIR en Oviedo; especializouse en mediciña de familia no Complexo Universitario-Hospitalario Juan Canalejo no ano 2006 e alí foi donde comenzou a súa carreira profesional como Médico de Urxencias. Tras un paréntese dun ano no que traballou nas urxencias do Hospital Modelo no barrio de Ciudad Xardín da Coruña a partires deste 1 de octubre de 2007 comezará a traballar con contrato indefinido nas urxencias do Hospital Juan Canalejo. Por outra parte Fernando desde febreiro de 2004 está felizmente enamorado de María, unha fermosa Mindoniense de bucles rizados na que atopou a leal e fiel compañeira para compartir unha vida. Esto foi o que nos contestou no histórico Casino da Ponte do Porto entre café e café. 

  • Un lugar para vivir: A Coruña, sen dúbidas. Alí gustaríame especialmente poder algún día comprar unha vivenda na rúa Paseo Marítimo, en Montealto, para recrearme ca vista incomparable da Ensenada do Orzán. Pero polo de pronto confórmome co meu pisiño novo en Mesoiro, que tampouco está nada mal.
  • Un lugar para escapar: As escapadas á Ponte do Porto son vitais para min. Non podería seguir adiante, desconectar do meu traballo, sin as visitas aos meus pais, a quen llo debo todo e os encontros cos amigos de toda a vida.
  • Unha paisaxe: Non teño que ir moi lonxe, aquí ó lado: o paseo dos Muíños, ese treito máxico que vai dende o Pociño á casa do Barbeiro.
  • Un prato: Non olvides que son fillo dun percebeiro mítico de Muxía; entón, ¿qué prato vai haber mellor para min que os percebes recollidos nas pedras duras do mar muxián polas mans expertas do meu pai especialmente para a súa familia?.
  • Unha bebida: Á marxe do anterior, debo decir que son de boa boca, confórmome con calquer cousa, tanto para comer como para beber. Por iso aprecio máis outras cousas, como por exemplo o ambiente no que se producen. Así, para min nada me sabe mellor que tomarme unha caña cos meus amigos aquí na Ponte.
  • Un rasgo físico das mulleres: A mirada dunha muller fermosa.
  • Algo que lle pida a unha muller: Que ante todo sexa persoa, alguen co que se poda falar, co que poda compartir tódalas cousas que compoñen unha vida. Nunha palabra: que sexa unha compañeira.
  • Unha película: A oscarizada Braveheart, de Mel Gibson.
  • Un actor: Ninguén se igualou ata o de agora aos anos bos de Robert de Niro.
  • Unha actriz: Non sei si é alguen co que se poda falar ou compartir unha vida, pero Catherine Zeta-Jones non está mal como actriz. 
  • Un grupo de música: Sempre me gustou o rock alternativo, a música un pouco tralleira: Extremoduro, Los Suaves.
  • Unha canción: Algo clásico que oíndoo póñeme a pel de galiña: o canon de Pachenbell.
  • Un libro: A triloxía 'El médico', 'El chamán' e 'La doctora Cole' de Noah Gordon.
  • Un escritor: Pois tal como che decía antes Noah Gordon e tamén Ken Follet, o autor de 'Los pilares de la tierra'.
  • Algo polo que poderías perder a cabeza: Pola índole do meu traballo son unha persoa bastante fría, así que eu creo que unicamente por intentar salvar a vida dunha persoa podería chegar a perder o dominio sobre min mesmo.
  • Un soño: O soño que eu creo anima a toda persoa que se mete a estudar mediciña e despóis ser médico é o de salvar vidas humanas, intentar mitigar o dolor, loitar contra a enfermedade. Por iso  cando este soño non se cumple, un queda bastante afectado, aínda que se pense que os médicos somos imperturbables. Eu podo asegurarche que non.

Os que coñecemos a Fernando sabemos que é así, que cando queda coa mirada perdida nalgún punto lonxano imaxinámonos que puido pasar o inevitable pero só queda mirar adiante e continuar para polo menos poder levar a ledicia a outra familia. A verdade é que con xente coma Fernando estamos integrando no exclusivo Club de Top Camariñas a unha longa nómina de números 1, de xente que, sen dúbida chegado o momento contribuirán a levantar a todo o Concello de Camariñas ata a altura que lle corresponde por historia, capacidade, recursos e capital humano. Fernando Toba Alonso, un exemplo.

Engadir un comentario