• Clausura da II Mostra do Encaixe Virtual

    Clausura da II Mostra do Encaixe Virtual

    Onte, domingo 4 de Abril, foi o final da segunda edición da Mostra de Encaixe Virtual de Camariñas cunhas cifras, ao igual que o ano pasado, espectaculares. Un total de 133.65o usuarios visualizaron as súas 56 publicacións nas diferentes plataformas deste evento dixital.

    Na primeira edición da Mostra Virtual a cifra  de persoas alcanzadas foi de 237.962 nun total de 175 vídeos publicados. Este ano, debido ao cambio de natureza do evento onde o protagonismo se centraba no comercio local e o certame de Jovene Deseñadores, optouse por reducir o número de publicacións e aumentando o alcance medio de cada unha delas, pasando de 1.359 persoas por post o ano pasado a 2.386 persoas neste.

    As cifras en torno aos 12 standsparticipantes foi relativamente alta cun total de 61.018 as que os visitaron. Neles existiron ofertas especias durante estes días  de Mostra Virtual para aquelas persoas que quixeron mercar produto local relacionado co encaixe. Os stands, ademais, facilitaban a compra con diversos métodos de pago e envío para todos os seus clientes.

    Na última xornada realizouse o acto de clausura a mans da directora da Mostra, Dolores Lema, que agradeceu “inmensamente a todas as persoas que non se ven pero que fixeron posible que se levase a cabo este evento” e da concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, quen recordou “que en outubro, con tódalas garantías sanitarias, se poida celebrar a tan desexada trixésima edición da Mostra do Encaixe”. O acto tamén tivo espazo para a música co grupo Jaque cunha versión propia da canción “Camariñas”.

     

  • Inicio da II Mostra do Encaixe Virtual de Camariñas

    Inicio da II Mostra do Encaixe Virtual de Camariñas

    Dende o 29 de Marzo ao 4 de Abril o Concello de Camariñas organizará a segunda edición da “Mostra do Encaixe Virtual”. Este ano cambia o seu funcionamento con respecto ao anterior ao centrarse na comercialización e na publicación das coleccións do certame de “Jóvenes Deseñadores” en diferentes enclaves turísticos.

    O evento durará toda a semana dando cabida a unha completa programación. Esta iniciarase o luns 29 coa apertura da II Mostra Virtual e os discursos institucionais da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e a Consellería de Industria e Comercio. Paralelamente, o Museo do Encaixe acollerá ás 12 horas a presentación dun cupón da Once coa imaxe da XXX Mostra do Encaixe.

    Dende o martes 30 de Marzo ao domingo 4 de Abril os postos participantes ofrecerán, a través de Facebook e a web do evento www.mostra.es, unha serie de produtos con encaixe que contarán con ofertas especiais nestas datas.

    Do mesmo xeito, durante estas xornadas iranse publicando os vídeos de cada colección do XXVII certame de Jóvenes Deseñadores. Moitos destes foron gravados por alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña (UDC) en diferentes localizacións do municipio camariñán e protagonizados por modelos locais. Así, tamén terán o seu espazo, entre outros, as palilleiras, as nenas das escolas de palillo e o voluntariado.

    O mércores 31 de marzo, dentro da programación da II Mostra Virtual, inaugurarase na praza da Insuela a exposición ‘Palilleiras: presente e futuro’. Esta é unha pequena homenaxe ao labor e esforzo das palilleiras que, xeración tras xeración, fan do Encaixe de Camariñas unha arte única no mundo. As fotografías dos 22 tótems que se instalarán forman parte dun proxecto realizado en decembro de 2019 por Ana García, fotógrafa da Voz de Galicia. Está previsto que esta exposición permaneza na praza ata o mes de outubro.

    A clausura correrá a cargo da directora da Mostra, Dolores Lema, e da concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro. Ademais, tamén haberá espazo para a música xa que o Grupo Jaque quixo formar parte deste evento cunha versión propia da coñecida canción ‘Camariñas’.

    Para ir abrindo boca, e como antesala do evento, o domingo 28 de marzo publicarase o proxecto ‘Ruth Matilda, A Costa da Morte’, obra do camariñán Víctor Fernández Alves. A través de dúas publicacións recompilará algunhas das fotografías que Ruth Matilda Anderson fixo durante a súa visita a Camariñas hai case 100 anos e nas que mostra aquelas palilleiras que traballaban nas rúas e nas casas a tecer os encaixes.

    As plataformas dende as que se pode seguir esta segunda edición da Mostra do Encaixe Virtual serán principalmente a páxina de Facebook da Mostra (@MostradoEncaixe) e tamén haberá contidos no Instagram (@Mostraencaixecamarinas) e na canle de Youtube (@Mostradoencaixe).

    A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, agradeceu “o esforzo do departamento da Mostra por idear, outro ano máis, o xeito de que non tivésemos unha Semana Santa sen encaixe” e eloxiou “o traballo tanto dos e das modelos como dos rapaces e rapazas que gravaron os vídeos porque xa puiden ver algún adianto e son de moita calidade”.

    Pola súa parte, a concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, destacou a importancia de “manter viva a tradición xa que en todo o país e sobre todo en Galicia a Semana Santa sempre se relaciona coa Mostra do Encaixe e non podemos perder ese sentimento” e lembrou que “á vez que facemos a Mostra Virtual seguimos traballando para que a trinta edición da Mostra, prevista para outubro, sexa todo un éxito e axude a reactivar a economía na zona”.

    Por último a directora da Mostra, Dolores Lema, quixo animar á xente a que “participe activamente comprando os produtos de encaixe que ofertarán os postos” xa que “tal e como está deseñado este evento virtual permitirá comercializar e promocionar o encaixe, un elemento fundamental na economía familiar da nosa comarca”.

     

  • A II Mostra do Encaixe Virtual celebrarase nesta Semana Santa

    Damián Álvarez, o protagonista do cartel da Mostra do Encaixe 2021

    A trixésimo edición da mostra do encaixe celebrarase este ano en datas estrañas. Por motivos da Covid desenvolverase durante o mes de Outubro, pero iso non evita que en semana santa vaiamos ter encaixe no Concello de Camariñas grazas a segunda edición virtual da mostra.