5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

A violencia de xénero e os seus perigos sempre estiveron aí, pero nos últimos anos os datos están a ser cada vez máis preocupantes. Pensar que na pasada corentena (14 de Marzo a 15 de Maio do 2020) un total de 18.700 mulleres foron atendidas mediante o número de teléfono especial dispoñible para estes casos ou mediante consulta vía correo electrónico, segundo Noemí López Trujillo para Newtral.es. A situación empeora na xente nova, naquela que supostamente debería mellorar. Durante o 2019 as denuncias por violencia de xénero nos menores de 18 anos aumentou un 21,4% segundo o INE (Instituto Nacional de Estatística) elevando o número de rapazas afectadas até o 1,5 de cada 1.000.

Por todo isto é cada vez máis imprescindible atallar o problema dende a educación e crear espazos que inculquen os valores da igualdade de xénero nos máis novos para solucionar o problema. Con este propósito nacen no Concello de Camariñas unha serie de actividades dirixidas especialmente ao alumnado dos centros educativos e que se levarán a cabo durante este mes de Marzo que está a piques de dar comezo.

A primeira delas será a campaña “A Biblioteca Violeta”. Nela, dende a biblioteca municipal, realizarase unha selección de libros, manuais e materiais audiovisuais que tratan e educan en materia de igualdade. Estes resumiranse nun folleto que será repartido entre todo o alumnado do concello.

Nos centros de educación infantil e primaria propoñerase unha adaptación do conto “A Ratiña Presumida”. Nel trátanse temas como as relacións saudables, o amor propio e a igualdade de xénero a través dunha narración cun formato similar ao da fábula. Outra das actividades será o obradoiro de ilustración “O Lapis Violeta”. Destinado ao alumnado de 5º e 6º de primaria terá lugar nos días 5 e 12 de Marzo e nel afondarán nos valores e fundamentos da igualdade de xénero a través do debuxo. Unha vez rematado o obradoiro levarase a cabo unha exposición virtual co traballo desenrolado polos alumnos participantes.

Por último, se as condición climatolóxicas o permiten, o día 8 de Marzo presentarase no CEIP Ponte do Porto un mural en homenaxe a todas as mulleres. Con el irá tamén un vídeo onde os artistas encargados de pintalo explican o proceso de deseño e elaboración, así como os medios cos que contaron para levalo a cabo.

Estas actividades serán maioritariamente de carácter virtual para manter a seguridade dos seus participantes fronte a situación sanitaria actual.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.