5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (4 Votes)

As primeiras camariñás en recibir a primeira vacina do COVID-19 foron Laura Rodríguez e María Oanes, dúas sanitarias que están a vivir a pandemia dende dous puntos de vista moi distintos e ao mesmo tempo complementarios: Laura traballa dende hai 2 anos e medio dentro da planta cardíaca do CHUAC e dende que se abriu unha UCI para casos COVID fai roldas nela. Hoxe por hoxe leva un mes de continuo nesta UCI para casos críticos de COVID-19. María traballa para a Fundación Adcor dentro da planta de coidados  a rapaces e rapazas con capacidades especiais dende hai 4 anos. Isto fixo que pasara o confinamento con grupo de persoas especialmente sensibles a este tipo de situacións. Dende o Camarinas.eu puxémonos en contacto coas dúas para preguntarlles como foi a experiencia de vacinación e como viviron e viven este tempo de pandemia.

PREGUNTAS

1-Sodes as primeiras camariñás en recibir a vacina da Covid. Como vos sentides? Algún efecto secundario nos días seguintes?

LAURA: A miña sensación é de por fin ver unha luz ao final do túnel. Os efectos secundarios foron moi leves... cefalea, fatiga e dor de brazo durante dous días, nada máis.

MARÍA: Dado a situación na que estamos, en que houbo algúns problemas na loxística e todo, ser unha das primeiras vacinadas é un privilexio. Por iso síntome afortunada. Respecto aos síntomas, na primeira dose só tiven unha pequena dor ao levantar o brazo no mesmo día, como cando poñes outro tipo de vacina. Na segunda doeume un pouco a cabeza, pero nada máis. Si que tiven algún compañeiro que tivo febre, aínda que nada grave.

2-Hai xente que lle ten medo. Outros falan de farsa e din que non a van a poñer... que lles diriades a uns e a outros?

LAURA: Pois a os que teñen medo diríalles que é normal, é algo novo que descoñecemos os efectos a largo prazo, pero máis medo lle deberían ter á enfermidade en si, porque realmente o da. E os que falan de farsa, diríalles que falar dende a ignorancia é algo moi arriscado, e máis cando se trata de temas de saúde.

MARÍA: Sempre hai xente a favor e en contra... no meu caso  “a tope” nos de a favor é máis tal e como está a cousa. Na miña opinión a vacina é unha das poucas solucións a esta situación, é un beneficio individual e colectivo ao mesmo tempo.

3-Estamos na terceira onda... credes que aprendemos algo nas dúas primeiras, que o estamos a facer mellor agora do que o fixemos antes?

LAURA: Se falamos dos sanitarios si, a primeira colléronos en “bragas”. Agora sábese mellor como tratar a eses pacientes e que medidas tomar. Se falamos de poboación en xeral, non, non escarmentamos. Creo que estamos peor que en marzo.

MARÍA: Na primeira axudou moito que as medidas foran máis restritivas, aínda que tamén había bastante desinformación, porque todo o mundo pensaba que era como unha gripe máis. Co tempo foise sabendo máis e a xente tamén se concienciou.

Eu creo que durante a pandemia todos sacamos cousas positivas e negativas, e algo aprendemos, polo menos a hora de valorar as pequenas cousas como a familia, os amigos... aínda así seguimos fallando na responsabilidade individual que acaba afectando a todo o mundo... seguimos estando en tempos difíciles.

4-Os sanitarios foron un dos grupos máis prexudicados na primeira onda, sobre todo no relativo a contaxios. Dende un primeiro momento falouse de falta de persoal, situacións contratos precarios, de carencia de material... vivíchedes iso? E de ser así, solucionouse?

LAURA: Fomos, e creo que seguimos sendo un dos grupos máis prexudicados. Continuamos con falta de persoal, dobrando roldas para non deixar baleiros, con contratos precarios e movéndonos de unidade para poder cubrir todo o necesario. Hai moita falta de persoal!

En canto a material si que mellorou a cousa, e menos mal.

MARÍA: Teño que dicir que onde eu traballo non notamos problemas dese tipo. Ao contrario, en todo momento tivemos todo o necesario, tanto en equipo e  medidas de protección como en persoal.

5-Credes que a xente é realmente consciente do que significa esta situación?

LAURA: Estas claro que non, so fai falta ver as cifras de contaxios.

MARÍA: Creo que pasamos por fases, segundo a situación estaba mellor ou peor. Cando non vemos o perigo cerca tendemos a relaxarnos, pero cando empeza a ser alarmante penso que intentamos ser máis responsables.

6-Que lle diriades a xente que ten comportamentos cuestionables, aos que vemos nas noticias incumprindo o toque de queda, que non usa a mascara ou cousas máis graves como ir de festa directamente?

LAURA: Invitaríalles a ver a situación real dentro de unha unidade COVID.

MARÍA: Diríalles que para acabar con isto necesitamos máis que nunca a responsabilidade individual. E non o facemos pensando tanto nos demais como en nos mesmos. Si queremos desfrutar como antes nun futuro próximo agora é cando debemos poñer máis da nosa parte.

7-Como vedes o futuro da pandemia? Pensades que isto vai baixar, vai ir a máis?

LAURA: Hai certa relaxación da poboación ao coñecer a existencia da vacina, pero aínda nos queda moito que remar. Segue ingresando xente moi grave, cada vez máis nova, e segue a morrer xente. Deberíamos ser máis conscientes da situación que estamos a vivir realmente.

MARÍA: A miña sensación é de que isto vai ir a menos porque está a haber máis contaxios e mortes, e a aparición das novas cepas... penso que iso vai facer que a xente se protexa máis, evite contactos... e que iso mellore as cousas.

Tamén hai que ter en conta os efectos da campaña de vacinación que axudaran moito a que a cousa mellore.

Conclusión

Se algo podemos sacar de todo isto, desta pandemia e das situacións que derivaron dela, é que se dependemos de algo en todo momento é de este tipo de persoas. Son moitos e moitas os reclaman dende o Sergas a necesidade de máis persoal e mellora dos contratos, que moitas veces se restrinxen a poucos meses e con condicións completamente precarias. Se estas institucións continúan a funcionar é grazas ao esforzo e sacrificio dos médicos/as e enfermeiros/as que chegan a realizar roldas practicamente infinitas en diversos postos de traballo a vez na procura de non deixar a ninguén sen a atención que precisa. Pero debemos recordar que todo ten o seu límite e estamos a falar de persoas, porque o persoal sanitario non son máquinas, e resulta xa imprescindible solucionar os problemas que están a padecer, e que a pandemia está a intensificar, e comezar coidar tamén nos deles como eles o fan con nos.

Por sorte no caso das residencias, tanto de maiores como aqueles que teñen necesidades especias, este tipo de situacións non son tan frecuentes, aínda que tamén existen. De todos modos, estas persoas, persoal sanitario e residentes, son un exemplo a seguir para todos nos que continuamos as nosas vidas afastados da realidade destas institucións. Persoas que viviron este tempo maioritariamente illados, que non puideron ver aos seus familiares durante longos períodos de tempo e sumando a maiores as súas dificultades persoais derivadas da súa idade ou patoloxías... e aínda así tiñan folgos para sacar un sorriso a quen os coidan, deberían facer que nos preguntaramos: non seremos nos capaces de facer o mesmo, ou polo menos, de cumprir a nosa parte?

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.