5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (4 Votes)

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra estes días en IFEMA (Madrid) foi o lugar escollido polo Concello de Camariñas para presentar a XXX edición da Mostra do Encaixe, que se celebrará do 8 ao 12 de abril e que aspira a romper estereotipos desde o primeiro momento. A edición que significará as tres décadas de vida deste evento non será unha máis xa que a organización decidiu rachar coa típica imaxe que se ten do encaixe, un arte milenario asociado erroneamente ás prendas femininas, e empregou un modelo masculino como imaxe do cartel e o spot oficial para este ano.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, conseguiu diferenciar este evento que espalla o nome de Camariñas e da Costa da Morte polo mundo ao lograr un espazo no stand de Turespaña para poder levar a cabo a presentación dunha edición tan sinalada como é esta.

Alí, Sandra Insua destacou que “este evento naceu co obxectivo de por en valor un elemento vertebrador de Camariñas como pobo e como comunidade e superou ese obxectivo con creces” xa que “a Mostra é coñecida internacionalmente, é un evento de moda referencial en Galicia e España, e cada ano chegan delegacións de todos os lugares do mapa que quedan marabillados coa arte das nosas palilleiras, que fan maxia coas súas mans”.

O modelo internacional Damián Álvarez (Magro-Vimianzo) é o protagonista dun cartel 100% feito por un equipo integrado totalmente por profesionais da Costa da Morte

Ademais, subliñou que “a esencia da primeira Mostra do Encaixe de Camariñas segue intacta. Os tempos son de cambio, as modas pasan pero a esencia mantense e transmítese de xeración en xeración, é algo innegociable”.

“Como alcaldesa de Camariñas é para min un orgullo ostentar a responsabilidade de organizar a trixésima edición da Mostra do Encaixe e de continuar fomentando e difundindo esta tradición ano tras ano”, rematou Insua.

Cartel e spot da XXX Mostra do Encaixe


Idea Orixinal: A idea orixinal do carte e o spot da Mostra do Encaixe 2020 foi obra de Diego Alonso e Raul Lorenzo e foi creado e protagonizado integramente por xentes da Costa da Morte. Tipicamente a xente ven crendo dende sempre que o encaixe tan só pode usarse nas prendas femininas ou de decoración, cousa que non é certa dende que nas primeiras edicións da mostra se crearon esas prendas masculinas que todo o mundo podía ver nos desfiles de moda do certame encaixeiro camariñán. Pero a pesares disto, nunca se puido trasladar realmente este concepto unisex do encaixe. Así decidimos romper un pouco con esta idea preconcebida que a gran maioría da xente ten do encaixe, elaborando un spot promocional e un cartel no que, por primeira vez na historia, o protagonista sexa o encaixe vestido por un modelo masculino (Damián Álvarez). É a primeira vez que un home é a imaxe do cartel da Mostra.

Estrea pública do spot: O spot oficial da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas darase a coñecer publicamente este domingo, 26 de xaneiro, a partir das 21 horas a través do facebook e da nova web da Mostra que se estreará ese mesmo día (www.mostradoencaixe.es)

A gravación, na que participa tamén a actriz da Costa da Morte Tamara Rey como acompañante do protagonista, tivo lugar en ata dez localizacións distintas: Carballo (tenda Alonso Moda), Coruña (Avda. Finisterre tenda Miguel Hombre e Calle Real), Camariñas (Faro Vilán, Monte Branco, praias de Reira, Porto de Camariñas e Retaurante A Marina), Coruña outra vez (Zona de Palexco onde se montou o set da alfombra vermella) Camariñas (Estudio de Diego Alonso Fotógrafo).

Outros datos sobre a producción


- Gravación que se desenrolou durante un total de sete días e a montaxe que durou outras sete xornadas.
- O cartel da Mostra 2020 foi idea orixinal e creación do fotógrafo e creativo camariñán Diego Alonso Freire.
- A música do spot foi creada especialmente para este anuncio polo músico camariñán Carlos Barcia coa axuda do seu irmán Fran Barcia.
- Neste clip traballaron e colaboraron un total de 143 persoas entre: protagonistas, extras, operadores de cámara e dron, fotógrafos, editores de video, diseñador gráfico e web, barbería e maquillaxe así como organización, planificación e xestión.

A dirección do spot quere agradecer a colaboración das tendas de moda "Miguel Hombre" da Coruña e "Alonso Moda" de Carballo e "Restaurante A Marina" de Camariñas

Apunte sobre o protagonista do cartel e do spot da XXX Mostra, Damián Álvarez


O protagonista do cartel da Mostra do Encaixe de Camariñas 2020 é o modelo internacional Damián Álvarez Tajes (19/05/1992 Delemont, fillo de emigrantes galegos), veciño do lugar de Magro (Pasarela-Vimianzo) situado a tan só 15 quilómetros de Camariñas.

O currículo deste modelo é realmente impresionante dende fai 5 anos traballa ao máis alto nivel no mundo da moda. Ata finais do ano pasado tivo que recorrer medio mundo dende as Illas Canarias ata os Estados Unidos pasando por Sudáfrica ou Reino Unido recalando finalmente na glamurosa cidade de Milán en Italia. Alí Damián ten a súa base loxística onde traballa para unha recoñecida firma de representación de modelos internacionais.

Entre as firmas máis importantes para as que traballou Damián figuran Guess, Versace, Armani, Dolce&Gabbana, Lamborghini, Amdrea Versali, McDonalds, Stradivarius, Concrete, Tata Italia, Mulish, etc... desfilando en pasarelas da importancia de GUESS SHOW, Pitti UOMO, Bridal Barcelona Fashion Week, FIERE PROMESSI SPOSI SHOW, Tenerife Moda. Tamén o puidemos ver en editoriais das revistas de moda da importancia de Vanity Fair, Vogue y Lifestyle Magazine. Todo este currículo dun rapaz dun pequeno lugar da Costa da Morte.

cartel-xxx-mostra-encaixe-camarinas-2020.jpg

 

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.