5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (4 Votes)

A Asociación Cívica, Cultural, Deportiva e Recreativa “Virxe do Carme de Camariñas” acordou nomear ao IES Pedra da Aguia Camariñán de Honra 2019. Este recoñecemento pretende, con carácter anual e coincidindo coa festividade do Carme de Camariñas, recoñecer á persoa, entidade ou institución que represente mellor os valores camariñáns.  Neste caso a Asociación tivo en conta o traballo dun pequeno centro educativo, radicado no rural e público onde, profesores, pais e alumnos, asumen retos e metas ambiciosas que redunden na formación integral dos xoves camariñáns, na súa promoción persoal e social, e, moi especialmente, na labor de coñecer e difundir no resto da sociedade a Unión Europea e as súas institucións. Este traballo acadou recoñecemento público co seu nomeamento como centro embaixador da Unión Europea.

A Asociación Cívica, Cultural, Deportiva e Recreativa “Virxe do Carme de Camariñas” nomea Camariñán de Honra 2019 ao INSTITUTO PEDRA DA ÁGUIA.

No instituto Pedra da Aguia estudan rapaces e rapazas do concello de Camariñas e de algunhas parroquias de Vimianzo próximas a Ponte do Porto. O seu alumnado é maioritariamente camariñán e, sobre todo, da vila de Camariñas. O estrato social destes rapaces é de familias vinculadas aos sectores primarios, ao pequeno comercio, aos servicios e, sobre todo, á pesca e o marisqueo e as actividades vinculadas con estas actividades que son, económica e socialmente, o cerne do concello de Camariñas. Solo o compromiso dos educadores, dos pais e do esforzo dos propios rapaces fan posible que a voz dos rapaces da Camariñas e da Costa da Morte sexa escoitada no resto de Galicia, en España e en Europa.

A entrega formal do recoñecemento farase o próximo 14 de xullo nun acto vinculado á celebración das festas patronais de Camariñas.

Este recoñecemento implica a lectura do PREGÓN DAS FESTAS DO CARME por parte do galardonado. Dende a ACCDR Virxe do Carme de Camariñas propuxemoslle á dirección do instituto que o pregón sexa leído polos propios alumnos. Esta lectura será o luns 15 de xullo as 12.00 dende o balcón da Casa do Concello de Camariñas. A Asociación Cívica, Cultural, Deportiva e Recreativa “Virxe do Carme de Camariñas” da cobertura legal as distintas comisións que organizan as festas patronais do Carme dende 2003.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.