1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

O arranque da segunda xornada da XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas non decepcionou a ninguén. Despois de que as gaitas de Vaiche Boa e o son das palilleiras amenizasen a apertura de portas, chegou a quenda para os desfiles do ‘Pequeencaixe’, as ‘Encaixeiras Sénior’ e o estilista internacional, Carlos Bardullas. Despois da súa estrea de onte, as 50 nenas e nenos das Escolas Municipais volveron á pasarela da Mostra para amosar o encaixe que crearon durante todo o curso e que aplicaron posteriormente aos vestidos cos que desfilaron.

Como non podía ser menos, outro ano máis o desfile das ‘Encaixeiras Sénior’ estivo cheo de simbolismo. Elas son algúns dos exemplos do que significa manter viva unha tradición e un arte que, grazas á súa labor, consegue perdurar no tempo e reinventarse. Un dos momentos máis destacados foi o desfile da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.

O estilista internacional abraiou ao público coa súa colección ‘Son do Mar’.

O peche da xornada matutina foi espectacular. O estilista internacional Carlos Bardullas trouxo á Mostra a súa colección ‘Son do Mar, inspirada en Camariñas, na súa contorna e nas súas xentes. Coma sempre, os seus tocados escultóricos feitos con pelo provocaron os continuos aplausos do numeroso público asistente, que sempre acolle a Bardullas dun xeito especial.

A seguinte ocasión de ver a colección ‘Son do Mar’ será o domingo, 21 de abril, ás 13 horas, despois do desfile das delegacións de encaixeiras internacionais.

Maiores e pequenos do municipio expuxeron as creacións que fixeron durante todo o ano.

XXIX Mostra do Encaixe


Durante os cinco días un total de 10 firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’ subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. Este ano contaremos coa presenza de Amaya Fernández, Ana Cabranes, Claudina Mata, Dolores Cortés, Edith del Valle, Esteban Freiría, Lalacó Atelier, Sara Lage, Twin and Chic e Noriko Hashizume.

A Mostra xa é recoñecida e admirada internacionalmente. O domingo 21 ás 13 horas terá lugar o desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’ que este ano proceden de Bélxica, Bulgaria, Croacia, Estonia, Francia, Inglaterra, Italia, Japón, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Suiza.

Ademais, terá lugar tamén o ‘XXVI Concurso de Jóvenes Diseñadores’ no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 29 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. Son 15 escolas de moda as que participan, con deseñadores procedentes de toda Galicia, Portugal, Asturias, Barcelona, Sevilla, Granada, Baleares, Zaragoza, Alicante e Madrid.

Engadir un comentario