1 1 1 1 1 1 Rating 1.00 (1 Vote)

A inauguración oficial correu a cargo da alcaldesa de Camariñas, o delegado do goberno en Galicia, o conselleiro de Economía e o presidente da Deputación da Coruña.  Sandra Insua, na súa primeira Mostra como alcaldesa, destacou no seu discurso a importancia da muller na sociedade e na Mostra desde hai 29 anos.

A XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas xa está en marcha. Hoxe, mércores 17 de abril, tivo lugar a inauguración oficial dun evento que se estenderá ata o domingo, 21 de abril, e que ano tras ano consolídase como un dos puntos de referencia da Semana Santa galega.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o delegado do goberno en Galicia, Javier Losada, o conselleiro de Economía da Xunta de Galicia, Francisco Conde, o deputado da Deputación da Coruña, José Manuel Pequeño, a subdelegada do Goberno, Pilar López Rioboo, e outras autoridades presentes como a Directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que, simbolicamente, da o pistoletazo de saída á Mostra.

Sandra Insua, na súa primeira Mostra como alcaldesa de Camariñas quixo destacar a evolución da sociedade nos 29 anos da Mostra e o papel da muller na sociedade que “ocupa por dereito propio o foco central da nosa vida pública desde hai un tempo. As manifestacións a prol da igualdade entroncan directamente co que ten de simbólico a Mostra do Encaixe, que non é máis que outro exemplo real e palpable do cambio que vivimos desde hai 29 anos”.

“O deseño, a moda e o aproveitamento que neles se fai do Encaixe é a mostra viva de que se un colectivo de mulleres quere lograr un fin, ese fin é posible”, explicou en referencia á Mostra do Encaixe.

Ademais, quixo lembrar a recente traxedia de Notre Dame, en deferencia coa delegación francesa presente na Mostra, “como unha medida da fraxilidade do que aquí mesmo defendemos desde hai 29 anos, a fraxilidade do que damos por sentado e que cremos que nunca vai desaparecer”.

En representación da Deputación da Coruña, o deputado e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, destacou que “o encaixe non é só artesanía e moda, tamén é economía, e non se entende Camariñas sen a Mostra do Encaixe nin a Semana Santa sen esta feira”.

inauguracion mostra encaixe 1

Francisco Conde asegurou que “a Mostra é un evento referencia en Galicia, unha cita moi consolidada que, despois de 29 anos, puxo de manifesto que sabe reinventarse e agora é un dos mellores reclamos que temos en Galicia”.

Mentres que Javier Losada dixo estar seguro de que “este ano a Mostra volverá a ser un éxito” e tamén aproveitou para destacar a labor das palilleiras, que “son un exemplo de forza e vontade para todo España e facedes que o nome de Camariñas sexa coñecido en todo o mundo”.

Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presentes puideron gozar do desfile inaugural da Mostra, no que as firmas participantes amosaron por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista.

XXIX Mostra do Encaixe


Durante os cinco días un total de 10 firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’ subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. Este ano contaremos coa presenza de Amaya Fernández, Ana Cabranes, Claudina Mata, Dolores Cortés, Edith del Valle, Esteban Freiría, Lalacó Atelier, Sara Lage, Twin and Chic e Noriko Hashizume.

A Mostra xa é recoñecida e admirada internacionalmente. O domingo 21 ás 13 horas terá lugar o desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’ que este ano proceden de Bélxica, Bulgaria, Croacia, Estonia, Francia, Inglaterra, Italia, Japón, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Suiza.

Ademais, terá lugar tamén o ‘XXVI Concurso de Jóvenes Diseñadores’ no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 29 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. Son 15 escolas de moda as que participan, con deseñadores procedentes de toda Galicia, Portugal, Asturias, Barcelona, Sevilla, Granada, Baleares, Zaragoza, Alicante e Madrid.

Engadir un comentario