4 1 1 1 1 1 Rating 4.00 (1 Vote)

O Concello de Camariñas vivirá desde mañá mércores 17 de abril ata o domingo 21 a XXIX Mostra do Encaixe. Cinco días nos que a tradición, a moda e unha chea de actividades complementarias inundarán as rúas do municipio. A apertura da Mostra terá lugar mañá, mércores 17, ás 15 horas, coa actuación do grupo de gaitas ‘Con todo en banda’ pero a inauguración oficial coas autoridades non será ata as 17 horas. Á inauguración oficial asistirán o Delegado do Goberno, Javier Losada; o Conselleiro de Economía, Francisco Conde; a subdelegada do goberno, Pilar López-Rioboo; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a Directora de Comercio e Consumo, María Sol Vázquez Abeal; a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o resto de membros da corporación, e outras autoridades locais de municipios limítrofes.

A apertura terá lugar o mércores 17 ás 15 horas e a inauguración oficial será ás 17 horas.

Durante os cinco días un total de 10 firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’ subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. Este ano contaremos coa presenza de Amaya Fernández, Ana Cabranes, Claudina Mata, Dolores Cortés, Edith del Valle, Esteban Freiría, Lalacó Atelier, Sara Lage, Twin and Chic e Noriko Hashizume. A Mostra xa é recoñecida e admirada internacionalmente. O domingo 21 ás 13 horas terá lugar o desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’ que este ano proceden de Bélxica, Bulgaria, Croacia, Estonia, Francia, Inglaterra, Italia, Japón, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Suiza.

Ademais, terá lugar tamén o ‘XXVI Concurso de Jóvenes Diseñadores’ no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 29 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. Son 15 escolas de moda as que participan, con deseñadores procedentes de toda Galicia, Portugal, Asturias, Barcelona, Sevilla, Granada, Baleares, Zaragoza, Alicante e Madrid.

O venres 19, ás 19:15, terá lugar a presentación oficial do spot turístico ‘Eu Son Camariñas’, do Concello de Camariñas e que está a xerar unha gran expectación na vila.

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As 50 nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos. O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o xoves 18 ás 12:30 horas e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.

Entre outras autoridades asistirán o delegado do goberno, o presidente da Deputación da Coruña e o Conselleiro de Economía.

Este ano os asistentes poderán gozar da música de Guadi Galego (xoves 18 ás 19:15 despois dun dos desfiles de ‘Grandes Deseñadores’), da obra de teatro ‘Recreación das antigas palilladas’ (xoves 18 ás 17:15 horas e venres 19 ás 19:45 horas), do encontro entre grandes e noveis deseñadores (sábado 20 ás 20 horas), do IV Encontro de Corais no que participarán Abaladeiras de Muxía, Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco e Coro Brisas do Mar presentado por José Luis Blanco (domingo 21 ás 11:15 horas).

Ademais, do 15 ao 19 de abril celebrarase o ‘Campamento Náutico Encaixe Axul’ con actividades de vela lixeira, windsurf, kayak, obradoiros... Durante toda a Mostra tamén haberá stands gastronómicos e demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.

A clausura da XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 21 ás 20:30 horas e estará presentada por José Luis Blanco e Lucía Pérez.

LEMBRANZA DE CAMARINAS.EU A VIRTUDES SONEIRA, A GRAN VALEDORA DA MOSTRA DO ENCAIXE DE CAMARIÑAS


Engadir un comentario