O Concello de Camariñas deseñou un completo programa de actividades para o Entroido. O acto central será outro ano máis o Concurso de Comparsas, que se celebrará o luns, 4 de marzo, e que nesta edición aumenta a contía dos seus premios repartindo 2.800 euros en total. No certame poderán participar as 12 primeiras comparsas que se inscriban no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica. As restantes quedarán nunha lista de reserva. O prazo está aberto desde mañá, 19 de febreiro, ata o vindeiro xoves, 28 de febreiro, e as comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 10 persoas.

O desfile e o certame terá lugar o luns, 4 de marzo. O prazo de inscrición para as comparsas remata o 28 de febreiro. Haberá actividades en todas as parroquias desde o sábado, 2 de marzo, ata o martes, 5 de marzo.

As contías do concurso serán de 700 euros para o primeiro premio, 500 euros para o segundo e 300 euros para o terceiro. Ademais, as comparsas que non resulten premiadas recibirán unha axuda económica de 10 euros por cada persoa participante ata un máximo de 150 euros.

O concurso consistirá nun desfile, con saída ás 20 horas da Praza do Concello e que percorrerá as rúas Avenida da Coruña, Ambrosio Feijoo, Rúa do Medio, Areal e Avenida Eugenio López ata chegar ao Pavillón Municipal, onde ás 21 horas comezará a actuación sobre o escenario.

Ao remate das actuacións, que deberán ter unha duración de entre 5 e 20 minutos, un xurado formado por persoas designadas polo Concello será o encargado de designar os gañadores, valorando a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, decoración e posta en escea.

Entroido en todas as parroquias


O Concello programou actividades de Entroido en todas as parroquias. Así, comezarán o sábado, 2 de marzo, na Ponte do Porto, cun circuíto de inchables, música, chocolate e doces que comezará ás 16:30 horas no Pavillón Municipal.

O domingo, 3 de marzo, será a quenda para Xaviña. A partir das 16:30 horas instalarase unha carpa na igrexa onde actuará o Dúo Diamante e tamén haberá reparto de chocolate e doces típicos do Entroido.

O luns, 4 de marzo, en Camelle instalarase unha gran carpa na que haberá inchables, música, chocolate e doces. Por último, o martes 5 de marzo, a festa terá lugar ás 17 horas no Pavillón Municipal de Camariñas, onde actuará o cantante Paco Nogueiras e tamén haberá inchables, chocolate e doces para todos.

Cartel Entroido 2019 en Camariñas
Cartel Entroido 2019 en Camariñas

Engadir un comentario