1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Na mañán deste martes 23 de outubro, o BOP publica as bases do XXVI Concurso de Noveis Deseñadores de Moda, que se levará a cabo durante a XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas entre o 17 e o 21 de abril e que repartirá nesta edición un total de 4.500 euros en premios. Este certame, que xa está totalmente consolidado e é altamente valorado no mundo da moda, mantén o obxectivo que persigue desde os seus comezos: fomentar e promocionar a aplicación do Encaixe de Camariñas na moda.

Poden presentarse a esta convocatoria tódolos noveis deseñadores con independencia da súa nacionalidade cos únicos requisitos de estar cursando estudios en centros de deseño ou estar vinculado a unha empresa deste sector pero non formar parte do seu equipo de deseño.

A presentación de solicitudes estará aberta ata o 3 de decembro e a memoria deberá conter unha colección composta por 4 modelos e todos os deseños deberán ter aplicado Encaixe de Camariñas. O tema e a modalidade é libre pero quedarán excluídos os deseños de moda infantil.

De entre todas as memorias presentadas escolleranse un total de 26, que participarán no desfile que se levará a cabo na Mostra do Encaixe e ás que se lles entregará unha cantidade de encaixe por valor de 300 euros, segundo catálogo e tarifa establecida de antemán polas asociacións de encaixeiras do municipio de Camariñas.

O xurado estará integrado por personalidades do mundo da moda ou que teñan relación con ela dalgún xeito e decidirán que deseñador recibe o primeiro premio, de 2.100 euros, o segundo, de 1.200 euros, e o terceiro, de 600 euros.

Ademais, haberá un xurado popular formado por 10 persoas que se atopen no desfile escollidas ao azar e que serán os encargados de entregar o ‘Premio especial do público’, valorado en 600 euros. Os catro premios daranse a coñecer o domingo, día 21 de abril, na clausura da XXIX Mostra do Encaixe de Camariñas.

Engadir un comentario