1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Segundo pudo coñecer de primeira man camarinas.eu, a Valedora do Pobo, Milagros Maria Otero Parga, ven de remitir un escrito á representante do colectivo que estivo recollendo sinaturas para demandar un transporte público digno e regular, María Jesús Freire Ramos. Neste escrito a Valedora do Pobo manifesta que, logo de reiterar a demanda de información sobre a denuncia presentada polo colectivo camariñán, a Consellería de Infraestrutura e Vivenda, de quen depende o transporte público, sigue sen dar resposta á Valedora. E van xa dúas demandas de información sobre o mesmo asunto sen que a Xunta de Galicia se dignase contestar ás demandas da Valedora.

A Xunta de Galicia desprecia 1300 firmas dos veciños de Camariñas para reclamar un servizo de autobuses digno

Parece, a todas luces, sorprendente que sexa a propia administración autonómica a que desprecie á Valedora do Pobo. Tanto é así que, no seu escrito, Milagros María Otero Parga manifesta que, de seguir esta actitude, terán que lembrarlle á Consellería de Infraestruturas e Vivenda as consecuencias legais de persistir en tal actitude.

Os habitantes da Costa da Morte, moi especialmente os de Camariñas, sufrimos unha sorte de illamento pola carencia dun transporte público digno de tal nome. A empresa adxudicataria incumpre sistematicamente as condicións impostas pola Xunta de Galicia tanto en frecuencias como en traxectos. As consecuencias prácticas son que, na práctica, Camariñas e outras localidades da Costa da Morte carecen de transporte público.

Pero si esta carencia é dramática, polo que significa de marxinación para un territorio que xa arrastra unha longa historia de exclusión das grandes infraestruturas e servicios públicos, parece de todo punto sorprendente que sexa a propia administración a que incumpra coas súas obrigas legais. Imaxina alguén que un cidadán se negase a contestar un requerimento da Consellería de Infraestruturas e Vivenda? En seguidiña viría a carta coa “receita” correspondente.

Documento enviado a María Jesús Freire dende a Valedora do Pobo

Engadir un comentario