1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Comezan a brotar as diversas iniciativas para conmemorar o aniversario do afundimento do HMS Serpent na costa de Camariñas. A primeira da que damos a coñecer aquí trata da actuación do noso querido Coro Municipal Brisas do Mar de Camariñas como estrela invitada no programa Luar que se emitirá en directo na TVG este venres 10 de novembro. E centrará a súa actuación na interpretación a capela da mítica canción composta polo mestre xornalista camariñán Xosé Luis Blanco Campaña adicada aos afogados no naufraxio do Serpent nos baixos da Punta do Boi. 

Exitosamente interpretada pola tristemente desaparecida estrela do canto galego Ana Kiro, esta canción forma parte xa do patrimonio cultural de Camariñas, e será cantada polo coro xusto no día e hora no que se cumpran 127 anos da traxedia marítima máis importante de todas as acontecidas nesta Costa da Morte. E para conmemorar semellante día en memoria de todos os afogados do Serpent, será o autor deste himno atemporal camariñán o que acompañe no acordeon ao coro das mulleres de Camariñas que, dito sexa tamén, estrearán en exclusiva no exitoso programa da galega dúas vocais masculinas que sumaran uns necesarios tonos baixos ao resto do grupo coral. Os novos integrantes que estrean a bancada polifónica masculina son Rogelio Toba, natural de Muxía aínda que veciño de toda a vida da vila da Ponte do Porto e Óscar Castro, oriúndo da nosa querida Santa Mariña. Será todo un reto para este Coro Municipal Brisas do Mar de Camariñas que, pouco a pouco, afianza as súas voces no panorama polifónico da costa e que terá unha estrea televisiva en prime time dun auténtico programa de masas como é o Luar no venres do 10 de novembro de 2017.

Engadir un comentario