1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Unha delegación do Concello de Camariñas, encabezada polo alcalde, Manuel Valeriano Alonso, e a tenente de alcalde e concelleira delegada da Mostra do Encaixe, Sandra Ínsua, acudiron esta mañá á Deputación de A Coruña para agradecer o apoio da institución provincial ao certame, que se celebra durante a Semana Santa. Durante a presentación da XXVII Mostra do Encaixe, medio cento de palilleiras -ataviadas coas respectivas almofadas- escenificaron o seu agradecemento á Deputación, e en particular ao seu presidente, Valentín González Formoso, xa que o evento non sería posible sen o respaldo económico do ente provincial.

Sandra Ínsua insistiu en que o apoio é “fundamental” para levar a cabo todas as actividades dentro da Mostra do Encaixe, sobre todo o desfile de modelos onde participan recoñecidos deseñadores. Por este motivo, nesta edición pasará a denominarse Pasarela Deputación da Coruña, en vez de Pasarela Abanca, tal como foi nas dúas últimas edicións. González Formoso tamén recibirá o “Pin de Ouro” durante a Mostra, un recoñecemento que lle fai o Concello ao consideralo un dos principais valedores da Mostra do Encaixe.

O alcalde de Camariñas tamén resaltou o valor dos desfiles de moda, xa que, mostrouse convencido de que é “a única pasarela de moda que queda en Galicia, e cunha repercusión internacional”. Nesta ocasión participan por primeira vez os deseñadores Javier Barrio (Pontevedra), Amaya Fernández (Vigo) e a xaponesa Noriko Hashizume. Os outros creadores que acuden como Grandes Firmas son Ana Cabranes (Gijón), Claudina Mata (Granada), Devota & Lomba (Madrid), Esteban Freiría (Málaga), José Matteos (A Coruña), Sara Lage (Lugo)e Mar Balmón (Madrid). Tamén participa unha deseñadora de Camariñas, María Campaña.

O rexedor camariñán fixo unha forte defensa do Encaixe de Camariñas, e insistiu en que “o Encaixe de Camariñas nace en Camariñas. Non nace en Flandes nin en París, como se di moitas veces, senón que naceu en Camariñas”, asegurou.

O presidente provincial mostrouse “orgulloso” da Mostra do Encaixe de Camariñas, que, según dixo, está considerada como un evento “estratéxico” e loubou o traballo que desempeñan as palilleiras, que se conserva ao longo de moitas xeracións.

Despois da presentación da Mostra do Encaixe fíxose un pase de modelos con vestidos de noiva da deseñadora lucense Sara Lara, os modelos escollidos pola revista Vogue para ilustrar a xóvenes promesas no mundo da mada, e prendas do coruñés José Matteos, todas con encaixe de Camariñas. O acto estuvo amenizado pola voz de Rosa Cedrón, que tamén estará na inauguración de Camariñas o vindeiro mércores.

Engadir un comentario