1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
O Concello de Camariñas presentou esta mañá os proxectos “Camariñas, o mar todo” e “Desenvolvemento da zona costeira da praia do Ariño”, executados con fondos europeos dos Grupos de Acción Costeira- GAC3 Costa da Morte. O obxectivo de ambas iniciativas foi valorizar os recursos turísticos de Camariñas co mar e a cultura mariñeira como eixo central. 
No acto estiveron presentes a tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Encaixe, Sandra Insua Rial; o xerente do GAC3-Costa da Morte, Guillermo González Díez; o concelleiro de Turismo, Sergio Caamaño Fernández; Eugenia Juncal e Pedro Tasende, representantes, respectivamente, de Valora Consultores e Aporta Comunicación, empresas responsables da execución dos proxectos.

Asistiron tamén empresarios do sector da hostalaría, encaixe e marisqueo, todos eles implicados no desenvolvemento de ambas iniciativas. Entre outros, acudiron o presidente de Neria, Javier González; Andrés Cerdeiras, director xeral de Industrias Cerdeimar; Olga Campos, presidenta da Asociación de Empresarios e de Turismo; José Ramón Ayora, presidente do Club Náutico; Cristina Fernández, torreira do Faro Vilán; e a deputada socialista Marisol Soneira. 

Precisamente, “Camariñas, o mar todo” presentarase o próximo xoves 26 (16.00h) no estand de Turgalicia en Fitur no acto denominado “Camariñas. Descobre o corazón do encaixe” durante o que se tamén se fará promoción do encaixe e da Mostra de Camariñas no seu 25 
aniversario. Acudirá o deseñador Franco Quintáns e haberá unha nena palillando como mostra simbólica de que o encaixe ten futuro.

Accións de “Camariñas, o mar todo”


As accións do proxecto “Camariñas, o mar todo”, que xa concluíron, están encamiñadas á posta en valor do patrimonio material e inmaterial ligado ao mar, aos seus recursos e a súa historia. Todo baixo unha mesma marca, permitindo así dinamizar o turismo como un motor de desenvolvemento local. Unha das principais accións do proxecto “Camariñas, o mar todo”, consistiu na elaboración dunha ferramenta TIC que aglutina información relevante sobre Camariñas. Está subida na nube (internet 2.0) a través do dominio camarinas.mobi e conectada ao mesmo tempo coas principais redes sociais: Facebook, Twitter e Instagram. Deste xeito, só cun teléfono intelixente (Smartphone), o visitante ten a posibilidade de acceder a vídeos, fotos, audios e textos en calquera dos 50 puntos da ruta sinalizada e xelocalizada no litoral camariñán mediante a lectura de códigos QR, NFC, acceso a web móbil ou coa realidade aumentada a través da aplicación Layar.

Outro dos elementos centrais do proxecto xira en torno á posta en valor do faro e do cabo Vilán, da súa costa e todo o que o rodea mediante a colocación no seu interior dun punto de información multimedia e dunha pantalla de TV. Trátase así de ofrecer información aos visitantes de distintas formas para que coñezan mellor este enclave singular da Costa da Morte que adoita a ser a imaxe máis representativa do municipio. No mesmo paquete das novas tecnoloxías tamén se realizou a nova web turística www.turismocamarinas.net en catro idiomas (galego, castelán, inglés e francés) que alberga todos os contidos do proxecto. Entre outros, os 11 vídeos turísticos, 10 audioguías, textos divulgativos actualizados e unha ampla galería de fotos, así como información sobre os integrantes da Rede Turística de Camariñas acabada de crear. Respecto a este último punto, entre xuño e setembro de 2014 levouse a cabo un intenso programa formativo en colaboración cos profesionais do mar e dos hostaleiros locais, que incluíu tamén actividades de dinamización turística para que os empresarios coñecesen os seus recursos e os puidesen transmitir de forma óptima ao turista no papel de mellores embaixadores da súa terra.A todos os asistentes entregáronselles os diplomas de asistencia ó final do acto de hoxe.

Redes sociais e blogs


"Camariñas, o mar todo” é un proxecto que aproveita a aparición das novas tecnoloxías. Á páxina web, os códigos QR e á realidade virtual (Layar) únense unha páxina de Facebook, un perfil de Twitter e o escaparate de Instagram como voceiros do proxecto. Para fortalecer a intensa presenza en redes sociais organizouse un blog trip (viaxe de bloggers) a mediados de outubro de 2014 ao que asistiu unha decena de líderes de opinión online rexionais, nacionais e internacionais especializados no mundo do turismo e das viaxes. Desta maneira, eles mesmos deron a coñecer en directo Camariñas, a Ruta dos Naufraxios, as visitas guiadas polas mariscadoras o Ariño, o encaixe, e outros recursos camariñáns máis alá da Costa da Morte a través dos seus blogs e redes sociais. En total, foron cerca de medio cento de publicacións que aínda seguen tendo repercusión no mundo 2.0.

Redes sociais



Desde o perfil preexistente “Camariñas todo mar” creouse unha nova páxina de Facebook chamada “Camariñas, todo mar. Costa da Morte”. Tras un exhaustivo traballo de captación de fans conseguiuse unha rede de máis de 1.400 fans que seguen a actualidade de Camariñas e interactúan coa páxina. Desde o inicio da actividade foise gañando unha media de 50 novos seguidores ao mes cun alcance diario dunhas 1.000 persoas e unha fidelización de 300 persoas semanais.

Moitos dos fans son veciños e empresas de camariñas que actúan como prescriptores da páxina e contribúen a que haxa un maior alcance. Entre os fans, a maioría en Galicia, atópanse persoas que seguen a páxina desde países como Suíza ou Arxentina, onde se atopan moitos emigrantes da zona.

O perfil de Twitter @camarinasmar conta con máis de 460 seguidores cunha tendencia de crecemento semanal dunha decena de novos usuarios. Grazas á súa actividade diaria e a interacción cos seus seguidores, algúns deles usuarios influentes e bloggers que acudiron ao blog trip, conta cunha actividade semanal cunha media dun 14% de retweets, un 9% de tweets favoritos, 10 mencións e un alcance potencial de 665.024 perfís.

En canto á páxina @camarinas de Instagram ten un total 85 fotografías publicadas e preto de 800 seguidores, dos cales un 10% interactúan co perfil. Na súa actividade empréganse todos os hashtags relacionados con Galicia, turismo e fotografía “Instagramer” para así gañar alcance, así como o hashtag propio #camarinasmar. O Concurso de Fotografía en Redes Sociais que se celebrou no verán atraeu a máis de 200 novos seguidores.

O papel da muller


Así mesmo, leváronse a cabo varias accións de sensibilización como a presentación da Unidade Didáctica para escolares de Primaria nos tres colexios do municipio ou a mesa expositiva “Muller e mar”, que estivo acompañada dun a vídeo. No evento participaron Dolores Bermúdez Rodríguez, patroa maior da Confraría de Pescadores; Virtudes García Soneira, presidenta da Asociación de Palilleiras Rendas; Ma Dolores Castro Santos, representante das traballadoras de Conservas Cerdeimar; e Cristina Fernández Pasantes, torreira do Faro Vilán. Todas elas destacaron a importancia do traballo feminino en Camariñas e a oportunidade de aproveitar esta herdanza como valor turístico.

En canto ao material promocional, editouse un folleto divulgativo, unha guía visual e unha unidade didáctica para os máis pequenos, así como diverso merchandising como camisetas, bolsas e mandís.

O Ariño


Durante o acto tamén se presentaron os resultados do proxecto GAC “Desenvolvemento da zona costeira da praia do Ariño”, a principal zona marisqueira de Camariñas. O obxectivo do proxecto foi realizar unha urbanización respectuosa co medio nesta área recreativa para mellorar as condicións de traballo das mariscadoras e o acceso de visitantes e bañistas. Así, instaláronse duchas, fontes, unha torre para o socorrista, un valado, unha rampla de acceso ata a praia, aseos, un almacén para as mariscadoras, aparcamento, punto limpo e catro paneis divulgativos sobre o marisqueo e o Ariño.

Durante a súa intervención, a tenente de alcalde, Sandra Insua, quixo agradecer a Guillermo González, xerente do GAC, a colaboración co municipio. Tampouco esqueceu mencionar a especial implicación de Lola Bermúdez, patroa maior, que non puido asistir, e especialmente volcada en ambos programas; da Asociación de Empresarios do Sector Turístico, e da Asociación de palilleiras Rendas.

GAC sobre Man


Neste ano, o Concello de Camariñas está a executar outro proxecto GAC sobre Man denominado "Posta en valor do porto pesqueiro de Camelle. Man: mar, arte, cultura e natureza". Do mesmo xa está executada a primeira fase consistente na catalogación de pezas, na creación da web www.mandecamelle.com, na creación do proxecto de musealización e da imaxe de marca. Nos próximos meses realizarase a musealización, sinalización, rutas e as actividades de promoción.

Engadir un comentario