O Encaixe camariñán presente na Mostra Internacional Rendas de Bilros de Peniche

Tradicionalmente sempre se dixo que non podía haber mellor exemplo de dous países que viviran un de costas ao outro que España e Portugal. E sen embargo tratábase de dúas nacións que a maiores da súa irmandade xeográfica compartían un idioma case común, un compoñente xenético prácticamente idéntico e que levaban as súas similitudes a uns apelidos semellantes máis alá de pequenas variacións semánticas (un Vásques por un Vázquez, un Mourinho luso no sitio dun Mouriño celeste, ou un Jorge Méndes internacionalizado en multimillonarias operacións transeuropeas a cambio dun sinxelo Méndez veciño de Buría). Ata non hai moito pouco fixeran os lamentables gobernos sucesivos das dúas metades desta dividida Iberia por poñer coto a tan triste malentendido histórico e así tiveron que ser os seus cidadáns, aqueles que duramente sobreviven por igual a ambos lados da raia a esta plaga ibérica chamada política, os que tomaran as rendas da situación. Basta sinxelamente por achegarse por Portugal en Semana Santa para comprobar que seguramente a metade da poboación española se atope alí presente desfrutando os encantos dun país sin igual.

Os concellos de Camariñas e Peniche ás semellanzas hispano-lusas anteriormente descritas sumaron o da súa paixón polo encaixe de bolillos, ou como se denomina alá polas terras dos nosos irmáns lusitanos "rendas de bilros", cuia Mostra Internacional ven de celebrarse entre o 25 e o 28 de xullo. Alí estivo presente unha delegación do Concello de Camariñas encabezada polo seu Alcalde que foi agraciada cunha amabilidade, educación e seriedade un tanto perdidas entre a sociedade e a política desta banda da Península Ibérica e desfrutou dun enclave xeográfico privilexiado, ao carón do Atlántico portugués, co impresionante conxunto monumental medieval de Óbidos protexendo o seu oriente, tal e como podía comprobar in situ esta redacción durante a Semana Santa antes descrita, a través dun itinerario que nunha única xornada partía dende as bodegas centenarias de Vilanova de Gaia, facía un alto para almorzar en Leiría e se sorprendía do seu peculiar aire centroeuropeo, continuaba visitando o Monasterio de Batalha (Campo de Batalla de Aljubarrota, de triste memoria), a turística Nazaré e Óbidos, con Lisboa como meta final. Peniche, co seu fermoso e inigualable encaixe e o seu título de irmanamento co Concello de Camariñas, quedou nun recodo do camiño. Non volverá a pasar.

P.D.: A redacción de Camarinas.eu quere agradecer especialmente a Jorge Amador, Tenente de Alcalde da Cámara Municipal de Peniche, a súa amabilidade, compromiso e profesionalidade pola celeridade ca que nos fixo chegar as fotografías da visita de delegación camariñana á recente Mostra Internacional de Rendas de Bilros de Peniche. Obrigado!!

Engadir un comentario