Despois de máis de 50 anos de exercicio pastoral xubílase Don EulogioDespois de toda unha vida de labor pastoral nun apartado rincón atlántico, aquel delimitado pola fronteira norte do Concello de Camariñas, Don Eulogio Ferreiro Torreira, o cura-párroco de Camelle xubilouse. Foi tras 51 anos ao pe do cañón eclesial, cando na que estaba chamada a ser a misa crepuscular de adeus profesional definitivo, celebrada este último fin de semana, en día de domingo, Don Eulogio facía ante un impactado graderío católico o anuncio da súa retirada postrera. Ficará Camelle momentaneamente sen substituto que cubra a praza en propiedade ata que o aparato administrativo apostólico atope o candidato idóneo.

Presúmese que terá que ser o sufrido e archiprofesional Don Jesús Baneira, páter camariñán, a onde terán que acudir os feligreses camelláns para ver de cubrir un servizo pastoral necesario e insustituible, máis nestes tempos onde onde plantéxase como imprescindible para cada alma pecadora e corrompida comparecer ante Deus o Noso Señor con todas as culpas debidamente confesadas e liberadas de castigo. Cómpre lembrar que o servizo prestado por Don Eulogio cubría un itinerario maratoniano de misas en Arou (10 da mañán), Carantoña (11 da mañán) e finalmente na súa propia parroquia do Espíritu Santo de Camelle (12 o'clock). Despois de toda unha vida de servizo entregado e exemplar, que tan só se vío enturbiada polo que se pode denominar como un lamentable malentendido alá polo final dos anos 80, Don Eulogio Ferreiro Torreira, alma eclesial de Camelle en estado puro, un dos grandes iconos relixiosos da Costa da Morte, tras toda unha vida de impecable labor pastoral, xubílase cara un merecido e xustificado retiro. Camelle non será o mesmo.