Tedín, unha conciencia social sempre disposta a axudar en iniciativas solidarias

En verdade parece como se a memoria de Camarinas.eu volvera recurrentemente aos anos oitenta, unha e outra vez calqueira das incidencias da actualidade camariñana leva a imaxinación dos redactores ata aquelas épocas nas que no ámbito político o felipismo reinaba a sangue e fogo, no deportivo a Quinta do Buitre mandaba dentro e perdía fóra,  uns tiranosáuricos ordenadores daban os primeiros pasos da revolución informática e o horterismo máis puro invadía tódolos ámbitos do aspecto indumentario. Foi entón, cando ante unha hambruna terrible en Etiopía as estrelas da música decidían unir esforzos e cunha xeira de concertos consecutivos miraron de achegar uns pesiños ata o continente africano. Foi a época do USA For Africa  que ven de reeditarse en Camariñas ca campaña de recollida de roupa usada con destino no continente negro.

Ao frente da mesma, o noso querido amigo José Manuel Tedín Tedín, conciencia social en estado puro, que dirixe a recollida de prendas de segunda man que terá o seu destino no continente negro así como tamén a recollida de tapóns de botellas de plástico, esta última para axudar a Lola, unha rapaciña de tres anos que nacío cunha grave parálise cerebral e necesita de someterse a costosos tratamentos. Mentras que a campaña recolectora de roupa usada vai polo seu quinto ano, a dos tapóns encara un segundo exitoso exercicio. Fruto da experiencia, Tedín ten posto en marcha unha estructura organizativa sólidamente asentada: xusto ao principio da campaña basta unha chamada telefónica para que Tedín, habituado a organizar operativos na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, organice o proceso destinado a mitigar na medida do posible as penurias do continente africano. Polo que respecta aos tapóns, unha vez rematada unha fecunda colleita será o propio Tedín ben en persoa ben a través da súa prima Pili o encargado de transportar ata Coruña o producto que axude a unha humilde familia a tratar de remediar a grave enfermidade da súa filla. Aquí en Camarinas.eu, recollendo o exemplo de Tedín, animamos a todos os nosos lectores a colaborar en ámbalas dúas iniciativas.

Engadir un comentario