1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

A familia de Aarón agradece en Camarinas.eu tódalas mostras de apoio recibidas polo tráxico falecemento do seu fillo

Hai noticias que che calan ata o recuncho máis profundo da alma e a fatalidade acontecida na madrugada do sábado produciunos iso e moito máis. A terrible desgracia da morte do noso amigo Aarón deixounos tocados moralmente e cunha preocupación máxima sobre o estado anímico de toda a súa familia. O primeiro que se nos veu á mente foron aquelas conversas que tantas veces tivemos como pais primerizos cunha muller da experiencia e sabiduría de Lourdes, nai do nosos queridos Adrián e Aarón. Temas como a importancia de acompañar aos fillos nos seus estudos, de terlle un ollo sempre enriba, sobre todo na adolescencia, e de transmitirlle cousas tan importantes como valor do esforzo, da educación e, sobre todo, do respeto. Palabras claras, sinceiras e moi cálidas pero con carácter, propias dunha persoa como Lourdes. Uns pais marabillosos, sempre presentes e con tempo para todo e para todos. Familia loitadora onde a haxa, que cunha man ocupábanse do seu traballo e coa outra honraban a San Antonio ou se involucraban ao máximo nos proxectos da asociación xaviñana Abrindo Rejo. Pero sempre con dous obxectivos moi claros: Adrián e Aarón. Oxalá atopásemos as palabras xustas ou un quefacer que servise de consolo.

Con todo é está familia a que hoxe se puxo en contacto con esta redacción para  facer chegar a todos os veciños, amigos, familiares e descoñecidos que se achegaron durante estes días a despedir  a Aarón e a acompañalos nestes momentos tan difíciles, o seu máis profundo agradecemento, que por razóns obvias non poden facer en persoa. Así como tamén agradecen de corazón todos os comentarios de ánimo e apoio que os usuarios de Camarinas.eu quixeron trasmitir a través destas páxinas. A estes papás que non se cansaron de repetir o orgullosos que están dos seus fillos, queremos dicirlles que é porque teñen dous pais grandes pero grandes de verdade como sodes vos Lourdes e Hipólito. Tampouco nos queremos olvidar de Adrián e desde aquí queremos transmitirlle tamén noso máis cálido abrazo cheo de ánimo e forza. Agora, só queda tirar para adiante: ¡Ánimo familia!

Aarón recibindo a confirmación fai dous anos na igrexa parroquial de Santa María de Xaviña. Que Deus che teña na gloria.

Engadir un comentario