Camariñas e o seu Club Náutico, as dúas grandes paixóns de Xosé Luis Blanco CampañaCando unha persoa leva a Camariñas no corazón, ningunha distancia é suficiente para mantela alonxada da vila mariñeira que a vío nacer. Agora residente en Puerto Rico, todos aqueles que entramos de a cotío en galiciaenpuertorico.blogspot.com, a páxina dirixida por Xosé Luis Blanco Campaña, comprobamos como dende a diáspora a preocupación, o seguemento, o interés pola vila da súa alma é constante. Por elo o Presidente de Honor e Pai Fundador do CNC, dirixe unha carta aberta a Camarinas.eu na que fala da Bandeira Azul acadada, do crucial logro alcanzado, do que suporá para a institución, así como para Camariñas, na que recoñece os méritos do actual Presidente, Alberto de Artaza e da súa Xunta Directiva, amén de ter un recordo especial para o actual Alcalde da Coruña, Carlos Negreira. Deste xeito, o visionario sobre o que se cimentou o que había de ser o club náutico decano da Costa da Morte, aquel que estaba chamado a ser o primeiro en conquerir unha Bandeira Azul, amosa unha ledicia incontible por un feito histórico, pero tamén sen dúbidas móstrase orgulloso e aliviado ao comprobar que a Directiva que asumío a pesada responsabilidade de xestionar un legado único, soubo sacar adiante un proxecto náutico tan ben encarrilado, tan sabiamente perfilado nas súas liñas mestras, por todos aqueles que os antecederan no cargo. Pero tamén sen dúbidas, orgulloso, feliz, de ver á Camariñas da súa alma situada na Primeira División dos portos deportivos, na Champions League dos concellos turísticos.

XOSÉ-LUIS BLANCO CAMPAÑA, PRESIDENTE DE HONOR DO CNC

Querido Diego:

A noticia da concesión ó noso Porto Deportivo de Camariñas da Bandeira Azul da Fundación Europea de Educación Ambiental reviste tal importancia que quixera utilizar a túa páxina, que nos da conta do acontecemento, xunto cos grandes xornais galegos, para felicitar de todo corazón á Xunta Directiva do noso Club Náutico e, moi especialmente, ó seu presidente, Alberto de Artaza Varasa, que lle puxo unhas ganas e unha ilusion enorme a esta empresa e, finalmente, logrou que o nome da nosa vila, da nosa ria e do noso concello estea entre os grandes, entre os que destacan pola súa preocupación pola calidade e a excelencia.
Deámonos conta do que esto supón. Somos un dos oito portos da Coruña, tan só oito, que gañou este galardón e, desde logo, o primeiro da historia desta nosa costa. E mais ainda: somos un dos noventa e oito portos deportivos españois que este ano van lucir a bandeira azul, que, ademáis dun galardón moi aprezado, e tamén unha certificación da calidade ambiental. Unha condición imperativa minima para ter opción a levalo é contar cun código de conducta ambiental.
A propia tramitación é complicada, polo rigor esixido, e hai que dedicarlle o seu tempo. Para optar a aparecer na lista dos mellores cómpre presentar moito antes a candidatura, pasar unha esixente inspección previa realizada por ADEAC, que é o organismo que xestiona por delegación da Unión Europea a tramitación da Bandeira Azul en España; logo someterse ó rigor do Xurado Nacional, que fixo a proposta favorable o 14 de marzo pasado, e, finalmente, agardar a decision do Xurado Internacional, que tomou a decision definitiva en Dinamarca.
Non, acadar unha Bandeira Azul non é doado. Por eso, xunto coa miña felicitación para os que o fixeron posible, empezando polas autoridades municipais e por Portos de Galicia -lembro agora o gran empuxe que nos dera Carlos Negreira, agora alcalde de A Coruña e daquela Presidente de Portos-, desde xa animamos ó Club e ó Concello, e ó pobo enteiro, a que celebren este acontecemento como se merece, cando se produza o inzado da bandeira que significa tantas cousas boas, pero, sobre todo, que simboliza a preocupación pola calidade do ambente e a existencia dun plan e unha política ambiental no porto deportivo de Camariñas.
É para estar contentos.Noraboa a todos.

Xosé-Luís Blanco Campaña

Engadir un comentario