Imaxe dos directivos do Club Náutico que asistiron á comida deste sábado 13 de agosto de 2011Continúan os actos de celebración do XX Aniversario da institución náutica que sentou un precedente difícilmente esquencible na Costa da Morte. Desta volta o CNC, nun acto entrañable e reinvindicativo, homenaxeou aos integrantes das distintas Xuntas Directivas que neste periplo de dúas décadas de asentada existencia fixeron posible o soño de que Camariñas contara co principal Club Náutico da nosa franxa atlántica. E así pasadas as dúas da tarde do pasado sábado 13 de agosto 22 directivos, veteranos e noveis, compoñían unha plantilla completa de xentes que desinteresadamente nalgún momento das súas vidas deron o mellor de si para tratar de situar a nosa vila mariñeira por unha vez na vangarda de algo que merecese a pena, porque ao fin e ao cabo sempre se tratou deso: Camariñas, sempre Camariñas. Unha pequena sesión fotográfica foi seguida do visionado dun emocionante vídeo que permitío revivir os momentos pasados e lembrar con respeto e emoción a aqueles directivos que ao longo desta esforzada e ilusionante singladura se foron do noso lado. Posteriormente, a carón dos compañeiros de travesía tocaba compartir mesa e mantel, acto que dou por rematado a mellor homenaxe posible ao conxunto de todos aqueles que en 20 anos mantuveron viva a chama acendida por un puñado de visionarios un día de principios de agosto de 1991.

Engadir un comentario