- Escrito por Redacción Camarinas.eu Redacción Camarinas.eu
- Categoría: Reportaxes de Camarinas Reportaxes de Camarinas
- Created: 11 Novembro 2007 11 Novembro 2007
Outra mensaxe nunha botella
Despois de que a semana pasada camarinas.eu publicara a exclusiva do achádego dunha mensaxe dentro dunha botella na Punta do Boi por un pescador deportivo, fiel lector desta web, nesta ocasión volve a ser outro usuario incondicional, unha rapaza, a que nos pon nas mans outra mensaxe atopada por unha pequena embarcación de Camariñas no medio do mar. A este paso, camarinas.eu, terá que pensar seriamente en abrir unha sección adicada a "Mensaxes nunha Botella"

"Ano de Gracia de 2005.
Pola gracia do moi altísimo, chámome Luc, NOOR, Amriou. Vivo no país de Francia, en Europa. Neste día do 25 de Xullo de 2005 acabo en Muxía, Galicia, España a miña viaxe a Compostela, Marchei da miña casa de Montpellier, Francia, e camiñei un tempo indefinido con 106 persoas (e máis) cheas de amor e compaixón. Invítoche a que ti encontrarás esta mensaxe no tempo ou Deus poñeracha nas mans para vir a compartir con outros coma ti as alegrías do amor fraternal. Este día o Señor compráceme e non llo devolverei xamáis o suficiente faga o que faga. Tí, que encontraches esta mensaxe oxalá saibas gardar o pé firme polo camiño dereito da vida. Predica o nome doEterno en tódalas xuntanzas, goza de todos os momentos, comparte o amor coma ti amarías se compartíramos todalas alegrías contigo, gárdate de dudas e sonríe á vida, quéroche con todo o meu ser. Polo Señor bendito seas."
Polo tanto camarinas.eu inclínase por pensar que dita mensaxe foi arroxada ao mar dende as pedras da Virxen da Barca de Muxía por un peregrino do Camiño de Santiago en xullo de 2005. O que dubida esta redacción é se esta botella poidera estar dous anos e medio no mar sen que ninguén a atopara, cuestión esta que deberán resolver os expertos. En todo caso na carta aparece unha dirección de e-mail ca que camarinas.eu poñerase en contacto inmediatamente.
Por outra banda, esta redacción botou ao correo na tarde do sábado unha carta para Romain Chavantre, o cal vive en Olone Sur Mer, Francia, na cal, escribimos un texto de presentación e engadimos no sobre abundante información sobre Concello de Camariñas e comunicámoslle o nome da web de camarinas.eu para que de inmediato poida responder e ver as condicións nas que se produxo o achádego. Seguiremos informando.
