5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

Os nenos e nenas que nazan en Camariñas no ano 2020 chegarán ao mundo cun regalo baixo o brazo. Antes do comezo do Estado de Alarma o primeiro ‘bibliobebé’ do 2020, Hugo Rodríguez González, recibiu os seus agasallos por parte da alcaldesa, Sandra Insua, e a concelleira de Cultura, Encaixe e Turismo, Encarna Liñeiro.

A través do proxecto ‘Camariñando’, da biblioteca municipal, o goberno local decidiu dar a benvida a todos os recén nacidos a partir do 1 de xaneiro cun agasallo que consistirá nun libro na súa lingua materna, un babeiro de encaixe e unha tarxeta de felicitación co lema: “Un nacemento e un libro son o comezo de todos os sucesos marabillosos”.

Hugo e os seus pais, Nerea González Sar e José Manuel Rodríguez Canosa, xa desfrutan na súa casa da Ponte do Porto dos regalos. A tarxeta que recibiron os pais e nais conserva o deseño do carné da Rede de Bibliotecas co fin de visualizar este servizo.

A entrega levouse a cabo antes do comezo do Estado de Alarma. O pequeno, Hugo Rodríguez González, é natural da Ponte do Porto. O regalo consistiu nun libro, un babeiro de encaixe e unha tarxeta de felicitación.

A entrega dun agasallo a todos os recén nacidos é a primeira das accións de ‘Camariñando co Encaixe’. O obxectivo desta iniciativa é vincular aos bebés e aos seus pais coa literatura, a biblioteca e a estética do encaixe xa que a promoción da lectura e o amor polo propio é a prioridade deste concello como elemento central do desenvolvemento dos nosos nenos e nenas.

“A política da biblioteca quere ser a de ter libros desde o primeiro día de vida, contos desde o berce. Converter o libro, do mesmo xeito que as nosas puntillas, nun instrumento da súa vida cotiá, nun instrumento de crecemento”, explicou Sandra Insua.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.