Os investimentos aprobados pola Deputación no municipio suman 5 millóns de euros neste mandato O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou esta mañá en Ponte do Porto (Camariñas) o proxecto de reurbanización da zona, que suporá un investimento de 440.491,11 euros para renovar as beirarrúas actuais, o alumeado público e crear novas zonas axardinadas e prazas de aparcamento.

Suporá un investimento de 440.491 euros para renovar o entorno, crear zonas axardinadas e instalar nova iluminación e mobiliario urbano

Acompañado da nova alcaldesa da localidade, Sandra Insua, do deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, dos técnicos da Deputación ao cargo do proxecto e de membros do goberno municipal camariñán, González Formoso visitou a zona, onde se procederá tamén á renovar o pavemento da estrada e a instalar novos farois, acordes coa estética do entorno, que permitirán ademáis un importante aforro enerxético e a mellora da calidade lumínica na zona.

A nova travesía estreará tamén mobiliario urbano, coa dotación de bancos de pedra granítica e a prantación de árbores Ginkgo Biloba, que melloren a estética e permitan o uso da zona como área de esparcemento e punto de encontro para veciños e visitantes.

5 millóns de euros invertidos en Camariñas


O Presidente da Deputación da Coruña visita Camariñas
O Presidente da Deputación da Coruña visita Camariñas

O presidente da Deputación destacou que a obra enmárcase nos 5 millóns de euros que a institución provincial investiu desde o inicio deste mandato no municipio camariñán, a maior parte deles a través do Plan Único, que coa achega de medio millón de euros que mañá aprobará o pleno da Deputación para 2019 suma preto de 2 millóns en investimentos destinados á mellora dos servizos básicos do municipio, pero tamén a través de actuacións estratéxicas como o apoio á Mostra do Encaixe que cada ano acolle a localidade e que lle da sona a nivel nacional e internacional, ou as distintas liñas de subvencións provinciais para promoción turística, rede cultural, limpeza de praias, creación de emprego ou servizos sociais.

Na visita de hoxe, Valentín González e Sandra Insua visitaron algunhas das obras financiadas pola Deputación no municipio, como a reurbanización da rúa Pinzón, recentemente rematada, que supuxo que un investimento de 128.684 euros e que contribuíu a mellorar a estética e a accesibilidade da zona.

O presidente e a alcaldesa destacaron que a colaboración entre ambas administracións permitirá ademáis acometer outras obras de mellora e acondicionamento nas rúas das distintas parrqouias desta vila mariñeira como a rúa Novoa, a Rúa Río do Prado, a rúa Tras as Hortas ou a Rúa de Abaixo, en Arou, onde se instalará tamén un novo sistema de saneamento.

Engadir un comentario