1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
O martes 3 de abril visitaron o Instituto Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas, tres ex deputados do Parlamento galego para dar unha charla a medio centenar de alumnos que cursan 3º da ESO, entre eles os 15 embaixadores junior do Parlamento Europeo que a vindeira semana irán a Estrasburgo e Bruxelas.

Tralo visionado dun video sobre o funcionamento do órgano lexislativo de Galicia, Manolo Varela, polo PP, Marisol Soneira polo PSdG e Juan Manuel Fajardo por AGE explicaron as súas experiencias no Parlamento. Destacaron a importancia do papel dos partidos minoritarios como oposición que critica, pero que tamén aporta, e da incorporación progresiva da muller á vida política. Solicitaron unha maior implicación da sociedade no xogo democrático e un maior respecto aos políticos, xa que moitas veces non se lles recoñece o seu traballo a pé da rúa.

Dende unha perspectiva económica invitouse aos alumnos a entrar en contacto cos problemas da sociedade: “sodes accionistas dunha empresa chamada Galicia”. Na quenda de preguntas os alumnos quixeron coñecer se o traballo dun parlamentario esixe moita dedicación, cando decidiron entrar en política, por que se decantaron por un determinado partido, ou se polo feito de ser muller tiveron máis trabas para entrar nese mundo.

A charla, que forma parte dun programa de coñecemento das institucións galegas, foi todo un éxito e xa é un clásico nas actividades do Centro, que participan nela dende hai máis dun seis anos.

Rapaces do IES Pedra da Águia na charla cos exparlamentarios
Rapaces do IES Pedra da Águia na charla cos exparlamentarios

Engadir un comentario