1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Dende o Consello Escolar do IES Pedra da Águia da Ponte do Porto remítennos unha contundente nota de prensa onde se mostran especialmente indignados polos continuos e descarados recortes neste centro por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Uns recortes que, lamentablemente, están a ser máis continuos sobre os alumnos con máis necesidades educativas. Así, tal e como nos explican dende o consello escolar, a pesar de que o número de alumnos con necesidades educativas especiais se incrementou exponencialmente, tan só contan no centro cunha profesora e media para atendelos (malos presaxios para o futuro destes rapaces). Recalcar tamén o inxustificado da reducción do profesorado xa que dende o curso 2009/10 ata o actual o recorte no número de docentes foi dun 30% cando a matrícula de alumnos tan só se reducíu nun 18%. Dende Camarinas.eu queremos dar o noso máis firme apoio a esta xusta causa que nos trasladan dende o Instituto da Ponte que ten por finalidade frenar esta inacabable sangría de recortes no que debería de ser un tema intocable e de máxima preferencia para calqueira goberno ao que lle interese minimamente o futuro de todo un pais: a educación dos nosos fillos.

"O Consello Escolar do IES Pedra da Aguia de A Ponte do Porto (Camariñas) está indignado polos recortes que levan sufrindo nos últimos anos. A situación agrávase neste curso 2014/15, xa iniciado, coa redución horaria da Mestra Especialista en Audición e Linguaxe, pasando de xornada completa a media xornada de dedicación ao noso alumnado, o que implica o abandono do alumnado con necesidades educativas especiais máis acusadas na área da linguaxe.

Tendo en conta que xa ao inicio deste curso 14/15 nos suprimiran outra media praza, atopámonos neste momento cunha especialista menos en Apoio.

Pola contra, o número de alumnos con Necesidades Edcucativas Especiais incrementouse e só dispoñemos dunha profesora e media para atendelo.

Nos derradeiros anos estamos asistindo a unha redución paulatina de profesorado, ano tras ano. Tendencia que, se non se frea, vai repercutir moi negativamente na calidade do ensino.

En efecto, desde o curso escolar 2009/10 perdemos un 30% do profesorado mentres que a matrícula só se reducíu nun 18%."

Engadir un comentario