1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Este martes morría no seu domicilio da Ponte do Porto Ramón Alonso CorreaEra unha Torrot verde, de paseo, e debía ser a principios dos anos 80. Esa foi a primeira bicicleta da miña vida: unha tarde de primavera, por sopresa, meus pais alá me levaron a unha tenda que ás veces tamén facía de taller, na Rúa Outeiro, na Ponte do Porto. Entre varias ducias de bicicletas postas á venda, finalmente acabei escollendo aquela que marcaría o meu devenir ciclista. Despois virían outras, unha finísima Peugeot negra de carreiras ou un costoso modelo fabricado baixo os máis modernos parámetros da tecnoloxía punta no lonxano Estado soberano de Wisconsin (USA) e que practicamente se levou enteiro o que fora o meu primer soldo, pero ningunha como aquela Torrot verde, de paseo, tan arcaica... Este martes 21 de febreiro de 2012, triste martes porteño de carnaval, falecía no seu fogar do Outeiro a causa da súa avanzada idade Don Ramón Alonso Correa, pioneiro do ciclismo na Costa da Morte e propietario da tenda taller onde tantos e tantos rapaces cumprimos a ilusión das nosas vidas mercando a primeira bicicleta. Deixa Don Ramón seis fillos producto da unión ca súa dona Calela, falecida hai vinte anos. O enterro terá lugar hoxe ás cinco da tarde na Igrexa de San Pedro da Ponte do Porto. Vaise con Don Ramón o último arrecendo do auténtico ciclismo, aquel das vetustas tendas taller, dos artesáns de bicicletas, o dos parches para os pinchazos, o das xestas no Tour de Bahamontes, Ocaña, etc... Descanse En Paz.

Comentarios   

Jose Manuel Souto
+1 # Ramón Alonso CorreaJose Manuel Souto 22/02/2012 13:19
O meu mais sinceiro pesame a toda familia do señor Ramón. R.I.P.
Responder | Denunciar ante o administrador
MBCA
+1 # RE: Ramón Alonso Correa D.E.P.MBCA 22/02/2012 14:06
O meu pesame para a familia D.E.P
Responder | Denunciar ante o administrador