O goberno local de Camariñas continúa a apostar por mellorar os servizos sociais, a promoción e a mellora do municipio. Así se desprende do orzamento municipal para o 2019, aprobado onte no pleno do Concello de Camariñas cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e en contra do PP. O documento, equilibrado en gastos e ingresos, ascende este ano a 4.911.330’34 euros, só 89.669’66 euros menos co do ano pasado. O goberno fai así un importante esforzo para manter esta cifra xa que en 2018 os ingresos foron maiores como consecuencia da revisión catastral, polo que se cobrou o padrón dos catro exercicios anteriores.

O pleno aprobou onte o documento cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e en contra do PP. Destínanse preto de 600.000 euros a investimentos, o 31% do orzamento total. A débeda coas entidades bancarias continúa a reducirse ano tras ano e xa se sitúa en 497.000 euros.

Os números do orzamento seguen a reflexar as principais liñas de actuación que o goberno local considera prioritarias. No apartado dos servizos sociais auméntase a partida, pasando de 485.891 euros en 2017 aos 597.865 euros para 2019. Neste eido refórzase principalmente o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo imprescindible e no que a aportación municipal segue a ser moi importante para atender aos nosos maiores. Séguese mantendo o orzamento destinado á Mostra do Encaixe co obxectivo de continuar cos esforzos por situar Camariñas como destino turístico e de por en valor aquelo que nos diferencia e as nosas tradicións como pobo. Tamén se mantén a partida destinada ás axudas municipais para os diferentes colectivos do municipio: subvencións deportivas ou escolares celebración das festas populares...

Investimentos


No anexo de investimentos para o ano 2019 refléxanse actuacións moi demandas e necesarias para a veciñanza, destacando o plan de mellora de camiños municipais (lugar de Mollados en Xaviña), a reurbanización de Río do Cura e da rúa Sixto en Ponte do Porto, a reordenación da praza de San Xurxo, a renovación da rede municipal de abastecemento ou a creación dunha aula expositiva no Museo do Encaixe.

A totalidade dos investimentos ascende a 597.670’26 euros, o que supón un 31’28 % do gasto total. Destacar tamén que as áreas de gasto correspondentes aos servizos públicos básicos ascenden a 2.077.680 euros, o que supón un 42’30 % do orzamento total.

Reducindo a débeda cos bancos


O orzamento para 2019 tamén inclúe unha partida para continuar a reducir a débeda municipal, que ascende actualmente a 1.183.000 euros. Desta cantidade só 497.000 euros corresponde á débeda coas entidades bancarias, mentres que a restante provén do uso dos fondos do plan PAI da Deputación da Coruña, que ten interese cero

Así, o goberno local continúa na busca da débeda cero cos bancos, reducindo a cantidade nos últimos anos, nos que pasou dos 803.853 euros que se contabilizaban no 2015 aos 497.000 euros cos que se finalizará este exercicio.

A alcaldesa, Sandra Insua, amosouse confiada de “elaborar un orzamento que responde ás necesidades máis directas dos veciños de Camariñas, tanto no referente aos servizos básicos como ás diferentes obras plantexadas” e destacou o “esforzo do goberno local para manter as cifras sen contar con ingresos extraordinarios”.

Engadir un comentario