O Concello de Camariñas buscará o apoio da Deputación da Coruña e do Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte para seguir adiante co seu propósito de dotar dun Centro de Día ao municipio debido á falta de apoio amosada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Camariñas buscará a axuda doutras institucións para o Centro de Día ante a falta de compromiso da Xunta. A alcaldesa, o segundo tenente de alcalde e a traballadora social reuníronse coa Conselleira de Política Social.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o segundo tenente de alcalde, Juan Carlos Canosa, e a traballadora social do Concello, María Pérez, reuníronse onte coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para tratar de conseguir o compromiso da Xunta na creación ou xestión dun Centro de Día.

A inexistencia de accións por parte da Consellería para participar nun proxecto moi demandado polos camariñáns fai que o goberno local comece a buscar apoios noutras institucións máis achegadas como a Deputación da Coruña ou o Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte.

Outras cuestións tratadas na reunión coa conselleira


No encontro con Fabiola García tamén se trataron outros temas de interese para o municipio, como a creación dun comedor na gardería. A conselleira comprometeuse a incluír na convocatoria do próximo curso este servizo para Camariñas.

Ademais, tamén se acordou que a Xunta de Galicia se encargue da renovación das infraestruturas da gardería, que actualmente presenta problemas de humidade, e solicitouse que se aumentasen o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar xa que Camariñas conta cunha lista de espera de 24 persoas.

Engadir un comentario