1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
O presidente de Portos de Galicia, Xosé Xoán Durán, confirmou que a entidade autonómica nunca presentou no Concello de Camariñas un proxecto para a fábrica de xeos do municipio, tal e como afirmaba recentemente froito dunha equivocación.

Isto ocorreu nunha reunión celebrada este mércores 21 de novembro, na sede de Portos en Santiago de Compostela, onde se aclarou desta forma a polémica que naceu estes días cando Portos de Galicia declarou que existía un proxecto para a Fábrica de Xeo ao que o Concello de Camariñas non daba autorización, o que é totalmente falso. Ademáis, confirmouse que a entidade portuaria ten previsto un proxecto de renovación da maquinaria na fábrica. No encontro, ao que asistiron por parte do goberno local a alcaldesa, Sandra Insua, e o segundo tenente de alcalde, Juan Carlos Canosa, tratáronse unha serie de temas de interese para o municipio e vellas demandas.

No porto de Camariñas, tanto a pasarela de madeira para os vehículos como os paneis laterais de cristal da pasarela peonil da Dársena están en mal estado. No primeiro caso, chegouse a un acordo para que sexa o Concello o que asuma o amaño e, no caso dos paneis de cristal, a entidade portuaria comprometeuse a facer un informe propio no que contemple posibles alternativas xa que actualmente só existe un informe municipal no que se conclúe que o problema é derivado dunha deficiencia estrutural.

Na zona portuaria existe un problema de luminosidade xa que hai moitas luminarias que non funcionan, unha cuestión moi reclamada polos veciños. Xosé Xoán Durán explicou que están á espera de adxudicar proximamente o contrato de mantemento para poder facer a reparación.

O Concello de Camariñas solicitou unha vez máis a cesión da lonxa vella e a reparación do tellado do edificio, xa que existe perigo de desprendementos. Tamén se pediu que se actuase na cuberta da lonxa nova, que se atopa en mal estado e que require un arranxo prioritario, e no criadoiro de ameixas, que vai pasar a ser propiedade de Portos.

Ademais, solicitouse a colocación de espellos para a circulación viaria xa que co pintado que se levou a cabo no Porto e que marca a actual circulación existe un problema de visibilidade, algo que confirmou a Policía Local a través dun informe. Tamén se instou a que non se cobrasen as taxas portuarias a entidades por levar a cabo actividades vinculadas ao mar no casco urbano.

Falouse ademais da terceira fase da fachada marítima de Camariñas, unha vella reivindicación do Concello para a que se fixo no seu día un proxecto que nunca se executou. Portos de Galicia explicou que agora mesmo nos seus orzamentos non son prioritarias as intervencións fóra da actividade portuaria.

O Concello de Camariñas tamén solicitou actuacións para os portos de Camelle e Santa Mariña, nos que suxeriu que se leve a cabo unha organización máis correcta, especificando as zonas e coidando a estética. Particularmente en Camelle tamén se pediu a reparación das barandillas preto do museo de Man e a solución ao problema de acumulación de auga na entrada ao peirao.

Sandra Insua amosouse moi satisfeita polo tratado na reunión e confiou “na boa predisposición de Portos de Galicia para levar a cabo todas as demandas que require actualmente a zona portuaria de Camariñas”.

Engadir un comentario