Rematada a guerra mundial en Europa e antes de que os Estados Unidos fixesen viable a bomba atómica, Winston Churchill decidío encargar ao servicio de intelixencia británico a elaboración dun informe acerca da posibilidade de éxito que o entón imparable Exército Roxo, o maior continxente bélico da historia, doce millóns e medio de homes e mulleres en pe de combate dotados da máis avanzada tecnoloxía, tería no caso de que decidise abrirse paso a tiros dende Berlín ata o Atlántico. Era tal o espanto que causaba esa mera posibilidade que se decidío chamar ao expediente co nome de "Alternativa Imposible". Un ve agora os nomes que adornaron nas derradeiras municipais a lista do PP en Camariñas, así como algún dos que andaban por fóra, listos ao quite para inundar de facturas o Consistorio Municipal e tapar a fame de tantos anos, e só pensar ata que simas insondables puido haberse despeñado todo un concello infunde idéntico pavor ao sentido polos altos mandos ingleses: un vértigo indefinible que aínda agora fai que a un se lle acelere o pulso. E non tanto polo candidato en cuestión (como xa dixemos, eso e nada eran o mesmo) senón pola xauría desquiciada de odiadores, ultrafánaticos e fracasados perpetuos que o rodeaban. Era algo cantado que o PP sacaría o peor resultado en votos da súa historia nunhas municipais en Camariñas: 1.300 ridículos votos. Ata incluso nas épocas en que o partido andaba fracturado e Ruperto Mosquera presentaba a súa candidatura de independentes logrou moito mellores resultados.

E agora xa non haberá burladero coruñés ao que acollerse. Adeus cargos, facturas, subvencións e demáis axudas a conta da Deputación Provincial. Por despedirse ata se marchou polo sumidoiro dos sufraxios a tía materna que cun dedazo providencial colocou ao parente á fronte dos designios populares. Todos perdidos e cun horizonte aínda máis escuro (Autonómicas 2016) por vir. Algúns, unha vez recuperados malamente do mazazo, tratan de escurrir o bulto e tapar o novo ridículo pretendendo alargar durante outros novos catro anos ese estilo de vida marca da casa baseado nunha ausencia absoluta de traballo. Pero agora nin haberá un mecenas autóctono, como o Daniel dos bos tempos, nin haberá padriños superiores que repartan cargos e prebendas. Quedarán, eso sí, unha santa esposa e unha moi respetable sogra, e así poderemos seguir vivindo sen traballar. Que así se vive mellor.

Seiscentos foron os votos, case a metade dos que foi quen de conquerir o peor PP da historia, que lle sacou o PSOE ao seu máis inmediato rival na campaña máis prácida e predecible en décadas en Camariñas. Tivo o electorado camariñán o bo sentido e a responsabilidade que faltou noutros puntos da xeografía peninsular e así non otorgou o poder ao, tal que decía un xornal nacional, perroflautismo separatista, caso de Barcelona, nin a unha progre con piso valorado nun millón e pico de euros no centro de Madrid, que viaxa en clase bussines a China e que non lle paga aos seus traballadores, unha pufista vamos, caso da capital. Cousas non moito mellores se viron en Galicia. O tempo dará e quitará razóns pero non parece que seguir o camiño de Arxentina, Venezuela e Grecia vaia ser o que nos otorgue un aumento na nosa calidade de vida. A veces hai nacións que nun punto concreto da súa historia deciden pura e sinxelamente suicidarse... Por certo, e respecto a ese vértigo indefinible que en ocasións se apodera dos pobos, unha vez que Churchill tivo nas súas mans o informe puido ler con frío horror as súas inapelables conclusións: o Exército soviético non tería maiores atrancos en plantarse nun par de xornadas nas praias francesas e alterar as prácidas vacacións dos burgueses parisinos, antesala inevitable do salto á illa que estaría por vir. O comunismo máis puro e duro no corazón de Europa. Tal que agora en España.

 

Engadir un comentario