1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
En datas recentes a traxectoria política de Marisol Soneira chegaba ao seu punto máis alto. Se ben era algo que xa se viña dando con certa regularidade dun tempo a esta parte: a de presidir o mesmísimo Parlamento de Galicia. Unha situación que marca o cume máis elevado ao que chegou un veciño de Camariñas dentro da carreira política durante os derradeiros cincuenta anos polo baixo e da que Camarinas.eu, o gran medio de comunicación do noso concello, non podía deixar de facerse eco. Alí sempre que un persoeiro da nosa terra, neste caso das fértiles alturas de Buría, destaque no seu eido profesional e contribúa a difundir a base dun traballo serio e unha recoñecida competencia o nome de Camariñas polo mundo adiante, constitúe unha satisfacción e unha obriga publicar unha noticia que recolla o novo éxito dun camariñán neste competitiva e despiadada sociedade dos nosos días. E se elo é cunha entrevista a toda unha Presidenta do Parlamento Autonómico Galego, pois que vos imos a contar.

En plena discusión sobre a redución do número de deputados autonómicos, ¿cal é a utilidade do Parlamento de Galicia e da Mesa do mesmo?
O Parlamento é a cámara de representación dos cidadáns galegos e o primeiro dos poderes de Galicia, tal e como se recolle o noso Estatuto de Autonomía. Sen Parlamento non hai democracia xa que alí está representada a vontade política do conxunto da cidadanía e, dentro do Parlamento, a Mesa é o goberno do mesmo. A discusión  introducida polo Presidente da Xunta e o Partido Popular non ten nada que ver con mellorar estas funcións se non que pretende acadar un peso maior do voto das provincias interiores, Ourense e Lugo, onde o voto favorece historicamente aos conservadores, en detrimento das provincias mais urbanas e de máis peso demográfico. Para min é unha auténtica fraude democrática disfrazada de aforro que, en momentos de dificultade como os actuais, pode atopar eco pero que non contribúe para nada a mellorar a calidade da nosa democracia.

¿E como acaba unha camariñana na vicepresidencia do Parlamento de Galicia?
Pois pola confianza e xenerosidade do conxunto de deputados e deputadas do Grupo Parlamentario Socialista que considerou que eu podería desempeñar esa función. E unha honra e unha responsabilidade que sempre agradecerei aos meus compañeiros e compañeiras,  e que tento sempre exercer con responsabilidade porque sei que non me represento a min mesma se non a todos aqueles que nos confiaron a defensa dos seus intereses colectivos. Tamén pesa moito a miña orixe camariñana e da Costa da Morte porque, a través de min, tamén están presentes no Parlamento e na Mesa do mesmo.

¿Está presente Camariñas e a Costa da Morte no Parlamento de Galicia?
Sen falsa modestia podo dicir que Camariñas e a Costa da Morte empezaron a soar no Parlamento de Galicia coa miña chegada á Cámara xa que era a primeira vez que había unha deputada procedente deste territorio. Hoxe debater sobre asuntos relacionados coa Costa  da Morte é relativamente frecuente pero fai uns anos non solo estábamos fora das políticas do goberno galego se non tamén dos debates no Parlamento.

¿Veremos algún día unha autovía na Costa da Morte?
A autovía é a mostra palpable da soberbia elevada a categoría de acción de goberno. Coa chegada do Partido Popular ó Goberno decide anular a adxudicación feita polo goberno anterior baixo o pretexto de que a empresa adxudicataria carecía de solvencia técnica e financeira. Despois de dous novos procesos de licitación, con denuncia e escándalo político incluído, acabouna adxudicando á mesma empresa que había gañado o concurso con Touriño. En fin, un auténtico sen sentido que nos vai a custar varios centos de millóns máis e un atraso considerable. Os problemas financeiros da empresa continúan, acabamos de coñecer que está en creba técnica e as obras levan paradas varios anos sen que se aprecie un horizonte concreto para o remate das mesmas. Fai uns días o Conselleiro confirmounos algo que xa sospeitábamos algúns: que a súa prioridade é conseguir financiamento para o tramo Carballo-Baio, deixando o resto do trazado para mellor ocasión. Se isto é así volverán a marxinar a Costa da Morte -unha vez máis- e incumpriranse as condicións de adxudicación da obra.

¿Segue entón a ser discriminada a Costa da Morte nos orzamentos da Xunta de Galicia?
A resposta é sinxela, si. Solo hai que votarlle unha ollada aos orzamentos de anos anteriores e poderemos darnos conta de que actuacións que estaban previstas e con orzamentos plurianuais, desaparecen: Fachada marítima de Camariñas, variante do porto de Brens, variante de Carballo, centro de saúde de Fisterra, etc. Etc. A realidade é teimuda e co Partido Popular no goberno sempre a Costa da Morte desaparece dos orzamentos.
 
Supoño que, como camariñana, fai un seguimento especial da política en Camariñas. ¿Como ve a situación política no noso concello?
Evidentemente. E a situación é moi fácil de describir, mentres hai un equipo que goberna e traballa para Camariñas, sustentado no Partido Socialista, outros dedícanse, nun espectáculo vergonzoso e lamentable, a despedazarse entre si e a tentar obstaculizar toda canta acción se faga dende a Casa do Concello.

Pero iso será bo para o PSOE...
En absoluto. Un goberno potente e eficaz é, case sempre, o produto dun bo equipo de goberno e dunha oposición responsable e comprometida cos seus electores; unha oposición que, lexitimamente, aspira a gobernar pero que o fai dende as propostas reflexivas e realistas e non dende a política basura.  Nun sistema democrático é tan importante ser goberno como ser oposición responsable.

Para rematar, ¿ata cando seguirá Marisol Soneira na política activa?
As persoas máis próximas a min saben que eu teño unha folla de ruta establecida dende hai tempo. Eu entrei en política por casualidade, coma tantos e tantas na nosa transición política,  e nunca entrou nos meus cálculos facer iso que se chama “carreira política” pero a vida acaba levándote a lugares e a situacións que non tiñas previsto. Hoxe coido que teño cumprido moitas das miñas metas e que os tempos son chegados para afrontar novos retos persoais. Pero diso xa falaremos cando sexa o  momento.

¿A alcaldía de Camariñas non lle fai ilusión?
Evidentemente, e por iso vou a facer o posible para que Camariñas siga contando cun gran alcalde que foi capaz de abordar os grandes temas pendentes do noso concello como o Plan de Urbanismo. E vista cal pode ser a alternativa ao Partido Socialista, ¿que quere que lle diga?

Engadir un comentario