1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
Ábrese unha nova etapa na vida do xefe dos deportes de Camarinas.euFinalmente, este venres 27 de xullo de 2012, no Pleno ordinario, farase oficial a marcha como Concelleiro de Cultura e Deportes do Concello de Camariñas de Juan Manuel Cabrejo Pasantes, Juanillo. Motivos estrictamente persoais están detrás da marcha dun home que nos 14 meses escasos en que desempeñou o seu posto levou a efecto unha batería de iniciativas e proxectos sen precedentes, coronados todos eles con éxitos rotundos, que colocaron ao noso concello dentro dos grandes circuitos deportivos galegos e que atraeron a tantos e tantos visitantes cara ás nosas terras, os cales demostraron a valía, competencia e honestidade indiscutible dun camariñán que pasará á historia como un dos concelleiros máis valiosos que endexamáis pisaron a Casa Consistorial, posiblemente o mellor de todos eles. É por elo que aquí, dende Camarinas.eu, os seus compañeiros de redacción queremos facer público o orgullo e o honor que supoñe que un membro da nosa web desempeñara tan exemplarmente a pesada responsabilidade de xestionar a cultura e o deporte de todo un concello.

Vese obrigado Juanillo a renunciar á súa acta de concelleiro debido aos novos desafíos que encara a súa vida laboral. Dende había xa dous meses sabíamos en Camarinas.eu que cambios de índole persoal podían conlevar importantes novidades na vida de Juanillo. E así, un novo traballo como coordinador e organizador de eventos no Centro Comercial As Cancelas, que en breve abrirá ás súas portas ao carón do barrio santiagués de San Lázaro, unido a súa fichaxe polo Ordes, club no que lle espera como adestrador un vello coñecido, o focense Nacho, conlevan que deba trasladar a súa residencia e a de toda a súa familia a Santiago de Compostela, imposibilitando todo elo o desempeño como Juanillo quixera das súas funcións como concelleiro. Por outro lado, debe reseñarse que esta tempada no Ordes está chamada a ser a da despedida como futbolista de competición do que foi o mellor xogador da historia da Costa da Morte, o cal despois dunha extensa, exitosa e fecunda carreira en clubs como Compostela, Eibar, Elche ou Cartagena, terá o seu moi digno final nun club da Terceira División galega, que en principio se marca como obxectivo o da permanencia se ben, se os resultados acompañan, non se descartan retos de maior envergadura.

No momento da súa marcha, Juanillo escolle as páxinas de Camarinas.eu para deixar claro que non deben buscarse outras razóns que as antes sinaladas, que non descarta un retorno ao mundo da política nun futuro non moi lonxano sempre da man do PSOE e que estará á disposición dos que foron os seus compañeiros concelleiros e do seu partido en todo aquelo que sexa necesario, aos cales agradece a colaboración, o afecto e a amistade ca que foi tratado durante todo este histórico periplo de 14 meses. Tamén ten un recordo para a web na que leva desempeñando a xefatura dos deportes dende hai xa 4 anos e así quere deixar especial constancia do agradecemento a Camarinas.eu polo apoio desinteresado, publicitación e cobertura dos diferentes eventos que, sin que lle costasen un só euro ao concello, Juanillo foi quen de executar ca colaboración de parte do empresariado local.

Polo demáis, os deportes de Camarinas.eu que seguirán tendo un ano máis á súa fronte ao máis grande experto coñecedor da realidade do deporte camariñán, unha tempada vindeira para a cal Juanillo xa ten confeccionado un novo programa que inclúe a fichaxe de dous novos redactores, a creación de premios que recoñezcan aos mellores deportistas nos seus respectivos ámbitos e da que a súa crónica semanal seguirá sendo a pedra angular. Vaise Juanillo, vaise o home ao que tan só 14 meses lle bastaron para abraiar a propios e estranos cunha xestión eficaz, innovadora, exemplar e exitosa. Esperemos que esta marcha sexa tan só unha breve paréntese. En todo caso, faga o que faga, ben estará. Vaise Juan Manuel Cabrejo Pasantes, Juanillo. Vaise o mellor.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.