Pichurri nunha recente reunión cos veciños

Rematou esta semana un dos períodos máis convulsos políticamente que se recordan en Camariñas en moito tempo ca presentación contra o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia de máis de 1.200 alegacións por parte de veciños dun Concello cun Padrón Municipal de habitantes que ronda os 6.200, o que viría a supoñer que alomenos unha quinta parte dos camariñáns mostraron a súa disconformidade contra o así chamado POL que pretende aprobar a Xunta de Galicia, e que segundo afirma o equipo municipal de goberno reduce as posibilidades edificatorias no noso concello a expresións mínimas. En definitiva, remata unha semana que puido marcar de forma crucial un antes e un despois na presente lexislatura.

Todo o anterior podería explicar os tensos momentos vividos nas charlas ca veciñanza que se levaron a cabo nas diferentes parroquias ao longo da semana pasada e que tiveron o seu punto álxido cos sucesos triste e vergonzosamente acaecidos o sábado 25 de setembro na Casa de Pedra, así como nun multitudinario e tenso Pleno extraordinario celebrado o martes 27 na Casa do Concello. Alí, cos planos que mostraban a situación na que o POL deixaba a Camariñas colgados das paredes, preto dun centenar de veciños asistiron ás alusións, réplicas e contrarréplicas dos concelleiros en acción, cun equipo de goberno ao ataque e unha oposición á defensiva. Finalmente o xoves 30 remataba o prazo para a presentación de alegacións, rexistrándose segundo noticias ás que tivo acceso camarinas.eu máis de 1.200 firmas de apoio á alegación presentada polo Concello de Camariñas, o que viría a supoñer cáseque o dobre das presentadas contra o PXOM, presentándose en días posteriores novas alegacións fóra de prazo que tamén serán remitidas ás delegacións da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras (COMATI), onde correrán unha sorte actualmente impredecible. Aquí en camarinas.eu reiteramos o limitado dos nosos coñecementos urbanísticos, así como a nosa miserable e paupérrima condición de non poseedores/propietarios de predio, finca, leira, baixo ou placa algunha (legal ou ilegal), nin sabemos quen leva  razón en todo este asunto, polo que vemos como máis apropiado acabar o artigo adicado ao intrincado, controvertido e polémico caso do POL encomendándonos ás mans do Señor. En fin, que Dios nos colla confesados e que sea o que el queira.


 

Engadir un comentario