A marca distintiva dunha sociedade progresista son os seus servicios públicos. Por sorte para nos vivimos nunha parte do mundo onde damos por suposto que, dende que nacemos ata que morremos, o Estado coidará de nós e, en xusta reciprocidade, nós contribuímos co Estado cos nosos impostos. Dámolo por suposto. Pero abonda que o vendaval da crise mova un pouco as polas da árbore que temos dado en chamar Estado do Benestar, para que os defensores do sálvese quen poida boten man a tixeira e tenten desmontar todo aquilo que nos custou xeracións en conseguir.

Cando un representante do pobo sinte gratitude porque un funcionario, pagado cos impostos de todos, se lle poña ao teléfono, é que algo non funciona. Porque significa un profundo desprecio por quen ostenta a representación da cidadanía. É, por tanto, un desprecio a todos e cada un dos cidadáns que, cos seus impostos, manteñen todo o edificio institucional e administrativo a quen confiamos as nosas vidas e as vidas dos nosos seres mais queridos. Con demasiada frecuencia vemos como alcaldes e alcaldesas, elixidos polo pobo democraticamente, teñen que suplicar entrevistas, reunións e atención coma se fosen aqueles Pobres de Pedir que viron os nosos avós.

En Camariñas temos un problema moi serio coa atención sanitaria dos nosos nenos. Iso é evidente. E algo non funciona na nosa sociedade cando este problema solo merece a atención dun escasísimo número de nais e de pais e o resto da sociedade e das institucións prefiren mirar para outro lado. A atención sanitaria universal é un logro do que sentirnos orgullosos como sociedade e á que moitos millóns de persoas miran con envexa no mundo. Si deixamos que, pouco a pouco, nos vaian quitando unha pedriña tras outra do edificio que tanto custou construír, estaremos sementando as bases do seu desmantelamento futuro.

Non se trata de que nos quiten unhas horas da atención sanitaria aos nosos nenos. Trátase de que nos están recortando dereitos e, si deixamos que iso pase como si non nos importara, estaremos mandando a mensaxe de que poden seguir por ese camiño sen custe algún para quen tal fai. Hoxe son os nosos nenos. Mañan serán os nosos maiores. E pasado dirannos que, para ter dereito a saúde, ou a educación, ou aos servicios sociais, tiremos de tarxeta de crédito. Noutros países xa pasou e, como non reaccionemos, non tardará en pasar aquí.

Engadir un comentario