O porto de Camariñas é un dos mais importantes da flota de baixura galega e xa non digamos na economía municipal. Con esta carta de presentación ninguén pensaría que non ocupase un lugar central nas preocupacións de quen ten a obriga política e legal de procurar os medios necesarios para dar cobertura a un motor económico e social desta envergadura. Sen embargo solo con botar unha ollada cara el constátase unha panorámica absolutamente desoladora: unha fachada marítima mutilada, os restos da antiga lonxa amosando o abandono e a desidia e a cuberta da nova posta a proba cada vez que soa o vento, os barcos de Camariñas procurando xeo noutros portos, os pantaláns e as táboas do paseo son coma restos dun campo de batalla, as luminarias do paseo afundidas a maioría delas... ou apagadas, os restos do minicriadoiro amosan un claro exemplo de despilfarro vergoñento, etc, etc.

Todo este panorama acontece a vista de todos nos como unha mostra da desidia que impera na administración responsable do noso principal activo económico. E aquí parece que non pasa nada. E coma se a sociedade estivera acostumada, tamén, á desidia que todo o abrangue. Coma se non se o corazón se nos fose parando paseniñamente e non procurásemos buscarlle remedio.

Nestes días a nosa alcaldesa e o seu tenente de alcalde volveron á carga, xa perdemos a conta de cantas veces van, para lembrarlle a Portos de Galicia que as obrigas do ente encargado do porto de Camariñas, non se limitan a cobrar as taxas administrativas se non que van moito mais alá. Aplaudimos a iniciativa pero, coma Dante nas portas do inferno, aconsellámoslle que perda toda esperanza. En Portos de Galicia non hai mais política que a desidia. E, paseniñamente, esa calamidade vaise estendendo sobre todo o que toca ate nos detalles mais cativos. Véxase, se non, o lamentable espectáculo que, unha e outra vez, nos amosan as visitas dos responsables de Portos de Galicia cando se dignan en visitarnos: reunión de cohorte de aduladores que nin saben, nin entenden, nin queren ao seu pobo. Alí están todos rindo calquera ocurrencia do responsable da desidia e, aínda peor, xustificando todas e cada unha das ofensas.

A obriga da alcaldesa é seguir insistindo unha e outra vez pero moito nos tememos que, como en tantas cousas, Camariñas, e o seu porto, quedan moi lonxe das preocupacións dos auténticos campións da desidia: os responsables da xestión dos portos de Galicia co seu presidente á cabeza.

Engadir un comentario