3.0588235294118 1 1 1 1 1 Rating 3.06 (17 Votes)
Queridos amigos de Camariñas.eu, invítame Diego a que faga un artigo sobre a controversia suscitada fai uns días por manifestantes contra os polígonos acuícolas. Acepto a invitación e quero mostrar, publicamente, a miña posición con respecto a este asunto que me parece moi importante para o noso futuro, como especie, e para o futuro do planeta.

Permitídeme que, antes de nada, mostre a miña sorpresa pola presencia de manifestantes que, non fai moito tempo, estaban berrando en Touriñán para que se fixera unha macropiscifactoría nun espacio incluído na Rede Natura. Parece un contrasentido que en Touriñán non importase masacrar o medio ambiente e en Camelle, Merexo ou Quilmas estea todo o espacio en perigo cando EN NINGÚN DOS TRES CASOS OS TERREOS AFECTAN A REDE NATURA NIN A NINGÚN ESPACIO CON PROTECCIÓN MEDIOAMBIENTAL. Tamén debo confesarvos que non me gustou nada a movida de Camelle fai uns días. Non pola manifestación, que é un dereito que tódolos cidadáns teñen, se non porque na charla había moitas persoas que non tiñan ningún interese en recibir información se non en impoñer os seus criterios que, na maioría dos casos, eran errados ou mal intencionados.

  • En primeiro lugar, non é certo que solo exista a opción da expropiación. O  Plan Acuícola contempla un precio para Camelle de 5 euros por metro cadrado, coma mínimo, para as fincas. A partir de ese precio negociarán os propietarios coa Xunta. A expropiación é sempre o último recurso das administracións.
  • En segundo lugar, non é certo que o terreo pase a ser propiedade da empresa que se instale. A Xunta de Galicia adquire os terreos e saca a concurso público a súa concesión, durante un período de tempo, para que se instale nel unha empresa. Se a empresa se vai deixa alí as instalacións e o terreo que segue sendo de tódolos galegos. No Plan anterior, do Partido Popular e que non recibeu nin unha sola protesta, o terreo comprábao a empresa e quedábase con el pasase o que pasase, iso foi o que aconteceu en Touriñán onde Pescanova comprou as leiras a 1 euro o metro cadrado e os terreos seguen sendo de Pescanova a pesar de que non vai construir alí.
  • Terceiro. Non é certo que a empresa concesionaria constrúa como lle dea a gana no espacio concedido por un tempo. Nunca poderá construír mais que dous tercios do terreo, o proxecto debe pasar un filtro paisaxístico e medioambiental e a súa actividade estará sometida a diversos controles oficiais.
Stolt Sea Farm en Vilán Camariñas
Stolt Sea Farm en Vilán Camariñas
  • Cuarto. Non é certo que aos propietarios lle marchen cas fincas sen mais. Recibirán un escrito comunicándolles o espacio afectado, citaranos para negociar o precio das súas leiras e poderán defender os seus dereitos lexítimos conforme a  lei imperante nun país democrático e de dereito coma é o noso.
  • Quinto. A min, particularmente, moléstame bastante que xentes alleas a Costa da Morte pretendan que a nosa costa, os nosos montes, os nosos ríos e mar estea exclusivamente para ser contemplados por eles cando se lles ocurra vir de visita. Algúns deles naceron aquí e viven nas cidades con todo luxo de recursos: emprego, universidade o pe da casa, transporte público –contaminante- pero que lles facilita a vida, grandes centros comerciais que lles venden todo tipo de produtos tratados con abonos químicos e conservados artificialmente, etc, etc. Para eles a Costa da Morte é un parque temático... que lles sae gratis. Mentras os que vivimos aquí non podemos plantar determinados árbores porque son nocivos para o medio ambiente, non podemos aspirar a construír  como construen eles porque é feismo ( o deles é orixinal, artístico e creativo), soportamos os seus aires de superioridade cada vez que nos visitan, e, cando se lles ocurre, veñen a manifestarse a Camelle, Muxía ou Fisterra. Se eles perderon os seus paraisos non deben pedirnos contas a nos porque mentras no seu entorno había Bazán, Refinerias, emprego público, etc, para nos nunca houbo mais opción que a maleta. EN CAMELLE, DENDE QUE PECHARON AS CONSERVEIRAS DE CERDEIRAS E QUE HOXE SE VEN OS SEUS RESTOS NA VEIRA DO MAR, NUNCA HOUBO UNHA FABRICA NIN NINGÚN PROXECTO EMPRESARIAL QUE NON FOSE O AUTOEMPREGO E MEDIA DUCIA DE ALBANEIS OU ARMADORES QUE ACOLLEN A FAMILIARES E POUCO MAIS. Eu creo que Camelle, Arou e Vilán poden ser un referente mundial na acuicultura, poden crear emprego e xerar actividade os eu arredor, e nadie ten dereito a malinformar e asustar a ninguén.

Merexo: outro polvorín na ría de Camariñas
Merexo: outro polvorín na ría de Camariñas

Cando meu pai andaba a sardiña nas tarrafas de Cerdeiras era frecuente atopar entre as capturas algunha merluza de catro ou cinco kilos. Tamén era moi frecuente capturar, con liña, ollomoles de varios kilos de peso pero eran despreciados porque non era o peixe que mais valor tiña. Hoxe é difícil capturalos con palangre e, dende logo imposible dese tamaño. Alguén se acorda dende cando non se captura unha langosta no noso porto cando non fai moitos anos Lalo traía toneladas delas?

A sardinilla de Cerdeimar ven doutras partes do mundo. O berberecho é holandés, o mexillón de Nova Zelanda, o atún de Asia... e cada vez menos. Cando eu era pequena, no inverno, o temporal tiraba as xibas na praia da Area da Vila e os nenos xogábamos a  atopalas entre o algazo. Meu avó, tamén no inverno, xunto con outros veciños reviraban as pedras na Galera, o Castelete, Coenda ou en Lago e viñan con auténticos cargamentos de barbadas, pulpos e, moitas veces, con nécoras e hasta centolas. Todo eso, desgraciadamente, acabouse.

Pero ningún de nós renunciou o consumo de peixe a pesar dos datos que ano tras ano nos demostran que as pesquerías tradicionais están a punto de colapsar. España é un dos países onde o consumo de peixe por habitante é maior; mais de 37 kilos por persoa e ano. E non estamos dispostos a renunciar a elo. Esgotamos os nosos caladoiros e creamos barcos moito mais grandes para esgotar os alleos. Conseguimos en augas alleas aquelo que non temos, xa, nas nosas.

Como compaxinar entón as nosas necesidades de consumo de peixe coa preservación do medio ambiente e a recuperación dos caladoiros?  Pois, dende a miña humilde opinión, dando o salto da cultura de cazar  peixe pola de cultivalo. É un fenómeno que se puxo en práctica fai mais de dez mil anos cos animais e cos vexetais. E con moito éxito.

Criar e engordar  peixes   é  un proceso irreversible. Este proceso, de momento, solo se pode facer en instalacións próximos a costa  por razón de custes de produción. Existen argumentos, case sempre encabezados por xentes que veñen de fora e disfrutan nos seus lugares de residencia de tódolos servicios, que pretenden asociar a acuicultura con un sen fin de males: contamina, afecta a paisaxe, son estranxeiros, o peixe que producen é malo...etc. Cada un deles é moi facilmente rebatible: a reserva mariña creada en Lira está na zona de vertidos de Prodemar... como é posible que onde verten estas empresas haxa tal cantidade de vida que mesmo faciliten a creación de santuarios mariños?

Son estranxeiros... o outro día berraban “a costa é galega e non de Noruega” ... supoño que o dirían por Prodemar, pero a realidade é que esta empresa hai moitos anos que deixou de ser norueguesa. Pero si ser estranxeiro é un obstáculo, que pasa con Isidro de la Cal, Pescanova ou os centos de pequenos propietarios de bateas españois? Si aplicamos a exclusión por razón de nacionalidade... porqué nos sentimos orgullosos das empresas españolas, a maioría galegas, que teñen investimentos en Chile, Namibia, Ecuador ou Marruecos que xeneran miles de millóns de euros e que fan delas referentes mundiais no campo da acuicultura e da pesca?

Afean a costa. É certo.  Pero acaso non son mais feas determinadas urbanizacións ou casas construídas por nos mesmos e que deixamos sen recebar e coas columnas o aire durante lustros? Impórtanos o medio ambiente... ou o precio que obtemos polas fincas?

Os peixes de piscifactoría  non saben como os salvaxes. Tamén e certo... para os que estamos afeitos a saborear as sarretas do Corno. De igual xeito que o polo de Coren non nos sabe como o  da casa... para quen ten a sorte de ter galos de corral. O final todo se traduce en costume e quen está afeito a comer polo de granxa disfrútao mais que  unha boa tallada de galo roxo de corral.

A democracia non é solo votar cada catro anos. Tamén é que toda a poboación teña acceso a proteínas suficientes e a un precio asequible sen necesidade de pertencer a determinadas clases sociais. Coseguíose coas producións de carne, ovos e froitas e verduras. Porqué non co peixe de cultivo?

Creo que hoxe dispoñemos da tecnoloxía, da capacidade e do coñecemento que nos permita acometer esa tarefa sen ter por qué cometer erros do pasado. Podemos facer compatible o medio ambiente coa creación de emprego e riqueza. Podemos e debemos e, dende logo, Camariñas non pode quedar a marxe. Eso é o que eu creo e é o que defendo.

Adxúntovos unha nota de prensa da FAO que expresa con claridade a situación da pesca mundial. Ou cultivamos ou acabamos co planeta. A opción é nosa. Saúdos a todos.

As manifestacións contra a acuicultura
As manifestacións contra a acuicultura

Engadir un comentario