- Escrito por Víctor Fernández Álves Víctor Fernández Álves
- Categoría: Notas de Prensa Notas de Prensa
- Created: 28 Mai 2021 28 Mai 2021
A sesión plenaria do Concello de Camariñas de hoxe, Venres 28 de Maio, tivo como proposta principal a reurbanización das rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández situadas na punta da Insua da localidade camariñá, así como a solicitude á Deputación da Coruña dunha subvención nominativa para financiar ditas obras cun valor total de 128.000 euros.
Os traballos que se engloban dentro destas obras son a execución de unha rede de saneamento para as augas fecais cun sistema de bombeo que as canalice á rede xeral da estación depuradora logrando, deste xeito, evitar calquera tipo de vertido que se puidera producir ao mar. Paralelamente instalarase unha nova rede para a recollida e evacuación de augas pluviais. Posteriormente aplicarase un novo pavimento en ambas rúas. No caso da rúa Ramón Noguera o seu novo firme estará composto por formigón armado e na rúa Irmáns Fernández mediante un aglomerado asfáltico que tamén se usara no entronque coa Avenida da Coruña.
Finalmente, na procura de facilitar a mobilidade habilitaranse pasos de peóns que conectarán a Avenida da Coruña coas rúas limítrofes, así como un paso de pedra granítica que bordeara unha parte da illa xa existente a que se lle renovara a zona verde. Ademais, reordenaranse as prazas de aparcadoiro de toda a zona e instalaranse unha luminaria na zona e unha varanda.
Outros asuntos do pleno
Na sesión plenaria tamén se trataron outros puntos como: a aprobación definitiva do Estudo de Detalle para reaxuste de aliñacións no cuarteirón existente entre a rúa da Rampa e o Paseo Marítimo de Camelle, a adhesión ao convenio entre a Xunta e a FEGAMP para a tramitación dos procedementos sancionadores por incumprimento das medidas COVID-19.