5 1 1 1 1 1 Rating 5.00 (1 Vote)

A semana pasada o Concello de Camariñas contactou cun enxeñeiro industrial e unha xeóloga para que realizaran unha inspección na zona de ribadas da Punta da Ínsua en Camariñas e avaliar o seu estado. As conclusións constataron que os últimos temporais aceleraron o proceso de erosión que se estaba a dar no lugar empeorando a súa situación xa de por si precaria.

Isto non é algo inesperado para o concello que xa mostraba as súas preocupacións en Novembro do ano pasado cando Sandra Ínsua mantivo unha reunión de carácter telemática co subdirector xeral para a protección da costa, Ángel Muñoz Cubillo. Nela a alcaldesa mostrara a súa preocupación polo estado dos edificios que se encontran na zona e pediu que se dera “luz verde” á redacción dun novo proxecto para executar a segunda fase do paseo marítimo.

Do mesmo xeito foi a reunión que se produciu hoxe, 2 de Febreiro, entre a propia Sandra Insua e o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, co xefe de Demarcación de Costas da Coruña, Rafael Eimil, onde os membros do concello lle transmitiron a urxencia de executar o proxecto ca fin de protexer as vivendas da zona da acción do mar.

Sandra Insua explicou que “a Lei de Costas prohibe as actuacións en dominio público terrestre pero para impedir que esas vivendas sufran as consecuencias do cambio climático hai que buscar unha solución e o paseo marítimo creo que é a única”.

Pola súa parte, Rafael Eimil recoñeceu a dificultade da actuación, pero comprometeuse a trasladar o asunto e a problemática existente ao Ministerio de Transición Ecolóxica para atopar unha solución canto antes. A rexedora agradeceulle a predisposición e manifestou que ten a intención de desprazarse ao Ministerio de Transición Ecolóxica en Madrid “para transmitir a inquedanza destes veciños”.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.