1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
O martes 13 de maio e na Casa da Cultura de Camelle “Casa de Man”, a Asociación Cultural “LISÍSTRATA” achega unha sesión de dinamización lectora e medioambiental. Ana Hermida contará: “CONTOS MOI NATURAIS”, contos sobre o medio ambiente, para as nenas e nenos do CEIP de Camelle “Campo da Area”.

O 13 de maio a Casa de Cultura de Camelle “Casa de Man”, ás 16:00 h. acolle unha sesión de contacontos para o público infantil. Con tal motivo Ana Hermida leva a un lugar tan emblemático unha temática de respecto, concienciación e coidado á natureza, baixo o título de "Contos moi naturais".

Serán contos enfocados a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais coma as árbores, a auga, os paxaros… xogando e contando, defendemos e concienciamos da importancia do noso hábitat e así respectalo e coidalo debidamente.
Convidamos aos medios de información a cubrir o acto ou darlle a publicidade que consideren. Agradecemos a súa participación, difusión, colaboración… e dámoslles as grazas por anticipado, sabendo que vostedes están coa información, coa cultura e co respecto e coidado ao medioambiente.

Ana Hermida é Diplomada en Arte dramática por Casahamlet, participou nesta compañía como profesional na obra adicada a Cunqueiro "Se non queres casar, o mesmo dá", tamén participou en series de televisión, cine e conta con experiencia no mundo da narración oral. No teatro interpretou a Cunqueiro, Shakespeare, Pisón, Graña, Rosalía... Actuacións en numerosos lugares da xeografía galega.

Engadir un comentario