1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)
A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe a presentación da XXIV Mostra do Encaixe de Camariñas que, un ano máis, se celebrará durante a Semana Santa para dar a coñecer este antigo arte das mulleres da Costa da Morte. A vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, foi a responsable de presentar un evento co que a entidade provincial colabora con 60.000 euros, máis do 50% do orzamento total, ademais de asumir todas as labores de imprenta no que respecta á impresión de carteis, folletos, entradas…

Padín, que estivo acompañada polo alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso, así como da concelleira responsable da Mostra, Sandra Insua, encomiou o labor artesanal que as mulleres da Costa da Morte levan séculos realizando. O rexedor, pola súa banda, agradeceu que un ano máis a Deputación participe neste evento, todo un revulsivo para a comarca ao que este ano presentáronse 90 deseñadores. “Quedan poucas pasarelas de moda como a de Camariñas”, afirmou.

Moda


Así mesmo, acudiron á sede provincial dous destacados deseñadores, José Matteos e Charro Carrillo, que volverán estar presentes nesta edición da feira para ensinar as súas creacións, que incorporan este encaixe.

A deseñadora, durante a súa intervención, fixo unha grande defensa da Mostra do Encaixe ao asegurar que “estamos ante un evento tan importante que, por pouco que se abone, seguirá dando froitos como ata agora”. Salientou, ademais, o fundamental que é manter o concurso de xoves deseñadores porque, apuntou, “hoxe poder deseñar en Galicia é un luxo”.

Pola súa banda, José Matteos falou do “valor engadido” que supón traballar cun encaixe “único” como o de Camariñas porque, engadiu, “temos que transmitir a idea de que non todo na moda é industria, temos que apostar pola artesanía”.

Dende 1991


A Mostra do Encaixe de Camariñas celebrouse por primeira vez en 1991 e dende entón mantívose de forma ininterrompida. Declarada de Interese Turístico de Galicia, logrou dinamizar o sector do encaixe na Costa da Morte.

Engadir un comentario