A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe a XVII Xuntanza Internacional de Palilleiras, que durante esta semana congrega na Coruña a profesionais do sector. Logo de glosar a importante tradición palilleira en Galicia, a responsable da Igualdade da Xunta de Galicia salientou a “relevancia social e económica” da arte de palillar na nosa comunidade e fixo fincapé na contribución deste traballo feminino ás economías familiares desde final do século XIX. “As mulleres do campo e as mulleres do mar foron o piar da economía de Galicia” subliñou López Abella, que amosou o seu agradecemento por ser invitada a participar neste foro de mulleres palilleiras.

A secretaria xeral da Igualdade recoñeceu que a confección do encaixe é un traballo laborioso e vocacional, que esixe de moita paciencia, coordinación e destreza manual. “As palilleiras sodes parte da cultura de Galicia”, dixo López Abella, que tamén emprazou a manter e transmitir ás futuras xeracións este labor artesán que forma parte do patrimonio de Galicia e que “se debe seguir conservando no tempo, como se fixo ata o de agora”.

Ademais de recoñecer o “espectáculo” que resulta ver a unha palilleira traballar, López Abella confesou ser unha fiel admiradora do produto final que elaboran, o encaixe. A este respecto salientou a capacidade emprendedora destas mulleres artesás, que poñen en valor o seu traballo, promoven o seu produto e convértense “no mellor escaparate do sector artesán de Galicia”, concluíu.

Engadir un comentario