1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

O traballo da agrupación local de Protección Civil de Camariñas céntrase na realización de servizos necesarios para a comunidade ano tras ano. Porén, no 2020 estas tiveran un carácter máis salientable debido a situación sanitaria que se viviu.

De un total de 157 intervencións, 69 delas estiveron relacionadas coas consecuencias que tivo a COVID-19 a nivel epidemiolóxico. Isto representa o 44% das súas actuacións, e dicir, case a metade. Elementos esenciais como a desinfección de espazos públicos, o reparto de material de protección e educativo polos fogares do municipio ou o despregue de operativos de control de aforo en datas sinaladas como foron a cabalgata de Nadal, misas e procesións do Carme, a reapertura de mercados ou mesmo durante o proceso de cribado no centro de saúde... foron levados a cabo por esta agrupación asumindo os riscos sanitarios que estas entrañaban.

Alén diso, mantiveron o resto dos seus servizos aos que a cidadanía está acostumada como son as cuestións de seguridade viaria (accidentes, manchas de aceite nas estradas, caídas de árbores...), recollida de animais soltos así como outras actuacións en espazos públicos (rega de xardíns, incendios, inundacións...).

Por todo isto, dende o goberno local reiteraron nos agradecemento, entre eles, a alcaldesa Sandra Ínsua quen dixo que “Protección Civil fixo un destacado traballo durante os meses de confinamento domiciliario da maior parte da poboación, sendo os encargados de levar, casa por casa, as máscaras elaboradas polo departamento da Mostra do Encaixe e tamén o material e as ferramentas que necesitaba o alumnado do municipio para poder seguir con normalidade as súas clases”.

Vostede non ten permisos para comentar nesta noticia.