O Concello de Camariñas presenta a mesa expositiva “Muller e mar” que terá lugar mañá xoves 20 de novembro, ás 17.00h no Faro Vilán. Durante o encontro proxectarase o audiovisual que leva o mesmo título. Este foro forma parte das actividades do proxecto GAC “Camariñas, o mar todo”, financiado con fondos europeos a través do GAC3 Costa da Morte.

Neste foro analizarse o papel da muller de Camariñas no mundo do mar. Nos últimos anos, a súa incorporación a este ámbito de traballo supuxo unha transición positiva cara á un maior protagonismo nesta actividade económica. Así, ademais dos traballos que secularmente realizaron no ámbito doméstico en terra (sen retribución nin recoñecemento), hoxe vemos mulleres que son capaces de defender un plan de explotación marisqueira xerando recursos no ámbito da ría, ou que teñen capacidade técnica para pilotar un dos sinais marítimos máis importantes do litoral español, por non falar do seu importante traballo na conserveira local como man de obra cualificada.

A pregunta que se fará ás participantes é “Canto achega e achegou a muller de Camariñas á economía local? De que forma participan na toma de decisións que afectan á comunidade camariñana?
Aínda que nesta xornada se debaterá sobre este papel feminino, tamén se abrirán diálogos para dinamizar o espírito emprendedor entre as mulleres e promover a igualdade oportunidades en todos os ámbitos. Ademais de reflexionar, buscarase espertar inquietudes que contribuían a impulsar á muller como xeradora de cambios positivos a todos os niveis na sociedade de Camariñas.

A mesa redonda “Muller e mar” é un acto aberto á participación do público. Estará moderada pola técnica de Igualdade do Concello de Camariñas, Patricia Vaquero González, contando coa participación de Dolores Bermúdez, patroa Maior da Confraría de Pescadores; Virtudes García Soneira, presidenta da Asociación de Palilleiras Rendas; Mª Dolores Castro Santos, representante das traballadoras de Conservas Cerdeimar; e Cristina Fernández Pasantes, torreira do Faro Vilán.

Título: Mesa expositiva “Muller e mar”
Presenta e coordina: Patricia Vaquero González. Técnica de Igualdade do Concello Camariñas.
Participantes:
Dolores Bermúdez. Patroa Maior da Confraría de Pescadores.
Virtudes García Soneira. Presidenta da Asociación de Palilleiras Rendas.
Mª Dolores Castro Santos. Representante das traballadoras de Conservas Cerdeimar.
Cristina Fernández Pasantes. Torreira do Faro Vilán.

“Camariñas. O mar todo” é unha iniciativa enfocada ao desenvolvemento dun produto turístico unido ao mar, á dinamización da vila e do sector turístico para ofertar un mellor servizo e facer un destino máis atractivo e cohesionado. Promovido polo Concello de Camariñas, está financiado con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira, GAC3 Costa da Morte.

Engadir un comentario