O Presidente da Deputación Diego Calvo xunto aos Alcaldes de Camariñas, Muxía e Fisterra
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou esta mañá na sede do organismo provincial o Torneo Internacional de Xadrez “Entre Faros”, que se celebrará do 5 ao 14 de outubro entre Fisterra, Camariñas e Muxía. Na presentación, Calvo estivo acompañado polo presidente do Clube de Xadrez Cabo Touriñán, Santiago Pérez Haz, organizador do evento e os alcaldes de Fisterra, José Manuel Traba; Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León; e o de Muxía, Félix Porto Serantes.

“Entre Faros” reunirá na Costa da Morte a cinco Grandes Mestres, é dicir, xogadores de xadrez clasificados entre os cen primeiros do ránking mundial.

O único español será o galego de Ourense Iván Salgado, o recente campión de España. Salgado terá que medirse con Negi (India), Rapport (Hungría), Iván Cheparinov (Bulgaria) e Lázaro Bruzón (Cuba).

Diego Calvo salientou durante a presentación que “estamos ante o torneo máis importante realizado nunca en Galicia, e tamén o de maior nivel organizado este ano en España”. Ademais, durante eses días a nivel mundial non se celebra ningún outro torneo, “polo que todos os ollos do mundo do xadrez estarán postos na Costa da Morte”.

O torneo executarase en forma de liga a dobre volta. Cada día haberá dúas partidas e o xogador que descanse participará en diferentes actividades paralelas coma conferencias en colexios ou visitas culturais.

O certame, ademais, será puntuable para a clasificación mundial.


Un valor engadido desta celebración, segundo explicaron os organizadores, será a retransmisión de todas as partidas a través de internet e co prestixioso xornalista de xadrez Leontxo García Olasagasti, que leva máis de trinta anos escribindo sobre este deporte.

Despois dun sorteo entre os concellos, o programa quedou fixado para que o certame se celebre os 3 primeiros días no Faro de Fisterra, os seguintes 3 días no Faro Vilán de Camariñas e os últimos catro días na Biblioteca de Muxía.

“Moi preto de aquí, na Costa da Morte, poderemos gozar dunha competición de altísimo nivel que atraerá as miradas de todos os afeccionados deste deporte. Os ollos de miles de persoas do mundo enteiro estarán postas en Fisterra, Camariñas e Muxía”, asegurou Calvo

Calvo tamén puxo en valor que a iniciativa conte “coa unión de tres concellos que traballan xuntos para iniciar un proxecto e xa dixemos que, desde a Deputación, sempre dixemos que iamos apoiar desde a Deputación”.

Outra das razóns esgrimidas polo presidente provincial para apoiar este torneo é a promoción turística e cultural que terá o acto: “O mellor exemplo o temos ben preto na memoria co paso de La Vuelta ciclista pola Costa da Morte, un recordo que vai ser moi difícil de esquecer tanto para nós, coma para os que viron as impresionantes imaxes no televisor das súas casas”.

O orzamento total para desenvolver este torneo ascende a 40.600 euros, dos que 30.000 euros achégaos a Deputación da Coruña, 10.000 euros polos concellos participantes e os 600 euros restantes, correspondentes ao pago de taxas, achéganos as federacións de xadrez autonómica e estatal.

Agradecemento á Deputación


Os tres alcaldes dos concellos sede deste torneo coincidiron en agradecer a implicación da Deputación neste torneo e gabaron “a sensibilidade do seu presidente ao saber visualizar a importancia dun evento deste tipo”.

O presidente do club organizador, pola súa banda, salientou que a posta en marcha desta competición permitirá “ter en Galicia un torneo de alto nivel que deixe mostrar o talento de Iván Salgado e que, ademais, valerá para crear afección entre os máis novos”. “Isto vai ser un empuxe para todos”, concluíu.

Engadir un comentario