1 1 1 1 1 Rating 0.00 (0 Votes)

 

Nunha pasaxe de "Elegidos para la Gloria" contaba Tom Wolfe a fiebre patriótica sen precedentes que se desatara en febreiro de 1962 nos USA despois de que John Glenn protagonizara o primeiro vó orbital tripulado estadounidense. O lanzamento do Sputnik, primeiro, e o vó de Yuri Gagarin, despois, sumiran ao país nun estado de pánico tal que se temía seriamente que "dende satélites tripulados soviéticos se tiraran bombas atómicas sobre as principais cidades dos USA como pedras dende unha ponte na autopista". Cando para conmemorar a xesta tocou desfilar por New York non parecía que se albergase moita confianza sobre a capacidade de resposta da cidade. Segundo Wolfe, os militares non consideraban NY realmente como parte dos Estados Unidos, tratábase "dunha cidade extranxeira poboada por unha raza estrana de xentes grises e deformes, unha especie de cidade estado libre, un protectorado internacional, unha Danzig no pasillo polaco, unha Beirut na encrucillada do Oriente Medio, unha Trieste, Macao, Hong Kong... a gran Cidade Gris Rata". E sen embargo o que alí viviron, o recibimento foi tan inenarrable que incluso acabou cos policías de tráfico, embutidos nos seus impoñentes uniformes azuis nos cruces das calles, chorando a moco tendido e berrando a grito pelado "Johnnie, We Love You!!".

E certamente algo dese carácter multicultural, aberto, de cruce de camiños dos cinco continentes, é o que debe levar constantemente aos máis prestixiosos representantes das diversas culturas musicais nacionais a visitar a cidade e oleadas de descendentes de todas as nacións do mundo acuden aos seus concertos.  Así foi como o pasado mércores 12 de marzo o vigués Carlos Núñez (“the Jimi Hendrix of the bagpipes,” and also “the seventh Chieftain”) actuou no City Winery de New York. No evento non podía deixar de estar presente o broker porteño José Manuel Souto Bello que xunto á súa familia acude a un concerto que se celebra nun coqueto local situado no Soho, non lonxe do traballo de José Manuel, a tan só catro paradas de metro de Wall Street. Agasallados cunha mesa ao carón mesmo do escenario desfrutaron cas evolucións do derradeiro traballo de Carlos Núñez "Inter-Celtic" e das interpretacións da fermosa violinista canadiense que o acompaña: Stephanie Cadman. Desta vez lamentablemente non poden quedarse a departir co artista vigués máis internacional como na ocasión anterior xa que estamos entre semana e ao día seguinte toca traballar. E xa se sabe como son estos países anglosaxóns co do carácter sagrado do traballo. Tampouco podería desfrutar moito máis da Gran Mazá Carlos Núñez que raudo deberá marchar cara Boston para tocar como estrela invitada no San Patricio 2014, actuación que merecerá toda unha páxina do prestixioso diario "Boston Globe". anteriormente xa o fixera en Miami e alí, quen sabe, ao mellor foino a ver o outro corresponsal de Camarinas.eu no imperio americano: Juan Rodríguez Freire.

New York como cidade de aluvión universal, rompeolas de todo o mundo, que acolle fillos de todas as nacións do planeta, pero que, como lembraba Tom Wolfe, cando o requiren as circunstancias apreta os dentes e marcha firme a carón do resto do país.  Cómpre lembrar que neso precisamente radica a grandeza do Imperio Americano, sobre todo agora que segundo comentan os analistas vive os seus últimos días (a chamada "Era Posamericana"). Esperemos que tal que outros países que tamén viviron os seus días de gloria, as súas eras imperiais, non acaben cas actitudes ridículas, os debates viciados e as continuas, reiteradas e xa tan cansinas intentonas implosivas que os aniquilan cada día un pouco máis. E así, no futuro, nalgún día aínda por vir poida verse nas súas rúas a reveladora imaxe de aguerridos policías de tráfico, seguramente descendentes de irlandeses, chorando como colexialas ao ver desfilar a bandeira do seu gran país.

Engadir un comentario