O evento televisado con máis audiencia en toda a historia dos Estados Unidos de América, a edición número XLVI da Super Bowl que enfrontaba este domingo 5 de febreiro de 2012 en Indianápolis aos New York Giants contra os New England Patriots, é narrado para a audiencia de camarinas.eu por un testigo de excepción e fiel seguidor do conxunto newyorkino: o porteño José Manuel Souto Bello. Todo un clásico da cultura norteamericana, cos seus anunciantes que pagan cantidades desorbitadas por un anuncio televisivo durante o descanso do encontro, cas actuacións musicais tantas veces polémicas do entremedio (o half time show), cun himno nacional sempre interpretado de xeito emocionado e  emocionante, cun encontro titánico que enfronta a gladiadores épicos por ver quen sae gañador da edición correpondente da National Football League (NFL) e lamentablemente algunha que outra vez con altercados públicos e un escenario nocturno de coches e contenedores incenciados na cidade do equipo campeón. Non foi así desta vez nunha New York engalanada como nunca para recibir aos campeóns, os New York Giants, polo famoso e tantas veces visto (os soldados retornados vencedores da II Guerra Mundial, os astronautas pioneiros da Lúa, etc...) Canón dos Heroes. E alí atopábase nin máis nin menos un redactor de camarinas.eu.

Hello my friends!

O primeiro domingo do mes de febreiro ano a ano convértese nun día sagrado nos USA, posto que en tal data se xoga a Superbowl: todo un país pendente do seu máis grande acontecimento deportivo, o cal segundo contan as crónicas este ano tivo a maior audiencia en toda a nosa historia.

Aquí na Costa Este tal data adoita a ter unha estructura prácticamente definida e inmodificable en millóns e millóns de fogares. Fóra soe ir frío, a neve aduéñase da paisaxe e un vento xélido barre as rúas, polo que o sentido común aconsella aprovisionarse de todo canto un teña por necesario (sólido e líquido), apoltronarse no sofá preferido e deixarse levar... mentras extramuros arrecia a ventisca de auganeve. Ca dona retornada na Madrepatria uns días por cuestións familiares e ca filla de visita, o maior lecer e calma apodéranse da alma mentras un pasa a tarde de domingo lendo, vendo partidos do aquí estranamente chamado soccer das ligas de España, Italia e Inglaterra, mentras espera ansiosamente a que cheguen as 18:30 e todo un país de 300 millóns de habitantes se paralice e con el, alá na madrugada española, parte do mundo. A final deste ano enfrontaba aos New York Giants e aos New England Patriots, equipo con sede en Foxborough (Massachusetts) e comandado polo xenial quarterback Tom Brady. Por suposto eu, como bo knickerbocker, ía cos NY Giants, sobre todo tendo en conta que fora velos o Día de Noiteboa ao estadio, o flamante New Meadowlands estreado no 2011, cando xogaron co outro equipo de NY, os Jets, o cal ganaron os Giants, sendo este o partido que lles cambiou a temporada. Algo parecido ao acontecido co espléndido, sublime, encontro disputado polo Real Madrid no partido de volta da Copa do Rei no Camp Nou.

Finalmente os Giants leváronse o partido e a copa por un resultado de 21 a 17 e como homenaxe aos campeóns a cidade de New York decidío organizar a clásica recepción multitudinaria co equipo marchando polo famoso Canón dos Heroes -na parte baixa de Broadway-, diante xusto das miñas oficinas con miles e miles de persoas felicitando aos vencedores. Toneladas de papel, confetti, tirado desde as ventanas de todos os edificios e oficinas no que xa constitúe un ritual newyorkino. Nembargantes, unha hora máis tarde as rúas de New York lucirán un aspecto impoluto. Agora tan só resta saber cales serán os novos héroes  (deportistas, militares, homes do espacio...) en recibir pleitesía polo pobo americano.

Engadir un comentario